Douvikas pediu non entrar na lista porque "a súa cabeza non se atopa preparada"
Douvikas pediu non entrar na lista porque "a súa cabeza non se atopa preparada"
Claudio recoñeceu na previa do partido contra o Real Madrid que o dianteiro grego lle pediu non ser citado para o partido de Copa
"Oxalá poidamos atopar unha boa solución para as dúas partes"
Na lista do Celta había varias ausencias que chamaban a atención. Luca de la Torres e Aidoo teñen pé e medio fóra do club. Marcos Alonso ao final non puido recuperarse da escordadura de nocello. E Tasos Douvikas? Claudio confesou que o grego non se atopa "mentalmente preparado para entrar nunha convocatoria" e por iso decidiu non incluílo.
Douvikas non está entrando nos plans do técnico porriñés. Comezou alternando titularidade con Borja Iglesias pero desde hai unhas semanas desapareceu do equipo titular do Celta. O último partido no que ocupou un sitio no once foi o do Español e marchouse ao descanso substituído. Leva marcados tres goles (Valladolid, Xetafe e Betis) pero o seu rendemento non é acorde ao investimento que fixo o Celta no seu momento.
"Está ventá de fichaxes estalle afectando máis que a outros xogadores" asegurou Claudio que desexou "atopar unha boa solución para as dúas partes ao longo do mes de xaneiro". As palabras de Claudio e a actitude de Douvikas fan pensar nunha marcha inminente. Ben vía cesión ou con opción de traspaso. No mercado grego e nos Países Baixos ten un gran cartel, pero tería que chegar unha oferta que satisfixese as necesidades de todas as partes implicadas.