Publicador de contidos
Publicador de contidos

Comeza en Lalín o mes dedicado ao prato máis completo da gastronomía galega

Comeza en Lalín o mes dedicado ao prato máis completo da gastronomía galega

Polo número de ingredientes, a súa complexidade e a aparatosidade da súa elaboración, hai quen di que o cocido é o máximo expoñente da nosa cultura culinaria

G24.gal 15/01/2025 14:53

Xa volven andar os porquiños de cores polas rúas de Lalín, e hai un en cada porta dos  restaurantes que este mes ofrecen un cocido con estilo propio e moitos ingredientes: cachucha, lacón, grelos, patacas, garavanzos, chourizos, costela... E o que non pode faltar nunca é o unto.

Dende hoxe e ata o 14 de febreiro, serán este ano 25 os restaurantes que servirán o prato avalados por un sinal de calidade e, durante ese período, os participantes regalan a cada comensal un pin conmemorativo da Feira do Cocido deste ano, que representa ao cartel que nesta edición foi realizado polo artista Acisclo Manzano.

 

Hai en Galicia case tantos xeitos de cocido como comarcas. E o de Lalín acumula toda a sabedoría galega sobre a carne de porco. 

"Aquí usamos as tres formas de curación: o salgado, o secado e o afumado, e iso dálle un sabor especial. Esa é a nosa cultura. Ademais é un prato que une familias, amigos, que invita á sobremesa longa, é un prato de festa", explica Xosé Luís Iglesias, o propietario do restaurante Cabanas.

Aos actos relacionados co Cocido súmase a celebración da feira do mel Alvariza o 1 e 2 de febreiro e ata o día 27 está aberto o prazo para as empresas que queiran dispoñer dun posto durante a Feira do Cocido na carpa da mesma.

Variedade, abundancia e festa longa, porque como di o pareado, "de Santo Amaro a San Valentín, é o mes do cocido en Lalín".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade