Programación especial da CRTVG cos resultados e análises da xornada
Programación especial da CRTVG cos resultados e análises da xornada
Presentado polos xornalistas Marta Darriba e Carlos Amado, debullará toda a actualidade arredor do peche dos colexios e da enquisa de Sigma Dos, e interpretará os datos definitivos coa axuda dun equipo de analistas
A Radio Galega tamén emitirá un especial informativo entre as 19:55 e as 00:00 h, e o portal G24.gal achegará o minuto a minuto da xornada
A CRTVG realizará este domingo unha ampla cobertura da xornada electoral do 9X cun punto de directo en Bruxelas co xornalista Marcos Sueiro. Tamén se ofrecerá un especial informativo, entre as 19:55 e as 00:00 h, que achegará toda a actualidade arredor do peche dos colexios e da enquisa de Sigma Dos.
Nun espazo presentado polos xornalistas Marta Darriba e Carlos Amado, seguirase todo o escrutinio, que non se coñecerá ata as 23:00 h (co peche dos últimos colexios electorais en Italia) e achegaranse as claves do resultado interpretadas por un equipo de analistas formado pola economista María Bastida, o politólogo Miguel Anxo Bastos, o xornalista Julián Rodríguez e o comentarista Pepe Arias.
Tamén a Radio Galega ofrecerá un especial informativo entre as 19:55 e as 00:00 h, con mesa de análise e a moderación dos xornalistas Luís Ojea e Celia Rúa.
Pola súa parte, o portal G24.gal achegará o minuto a minuto da xornada desde a apertura de colexios, cos avances de participación e as votacións dos candidatos ata o peche de colexios e as reaccións dos partidos políticos.
Este seguimento especial da xornada das eleccións ao Parlamento Europeo pon o punto e final a unha cobertura que durante a campaña incluíu a celebración dun debate e entrevistas cos candidatos das cinco formacións que obtiveron mellores resultados nos últimos comicios comunitarios.