O PPdeG pedirá no Congreso e no Senado que se eliminen os impostos aos residuos
O PPdeG pedirá no Congreso e no Senado que se eliminen os impostos aos residuos
Segundo os populares galegos, eses impostos "castigan" a xestión de Sogama e a Galicia
Os representantes do PPdeG no Congreso dos Deputados e no Senado presentarán a vindeira semana unha iniciativa nas Cortes Xerais para esixirlle a Pedro Sánchez a eliminación dos impostos que, segundo din os populares, "castigan" a xestión de Sogama.
Unha iniciativa que tamén defenderá o partido a través dunha moción nos concellos galegos. Tomaron esa decisión na reunión que mantiveron coa responsable de Medio Ambiente e Cambio Climático do Goberno galego, Ánxeles Vázquez, e a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado. Sogama xestiona os residuos do 94 % dos concellos galegos.
Os populares galegos explican que a raíz da aplicación de varios impostos estatais, a entidade pública estase a ver obrigada a actualizar o seu canon, unha suba que se lles aplicará aos concellos no ano 2025. Desde o PPdeG piden ao Goberno central a retirada dos impostos introducidos coa lei de residuos e solos contaminados para unha economía circular.
"Nós non queremos subir impostos, de feito, Galicia non sobe impostos. Isto é o resultado dunha mala praxe por parte do Goberno central e dos seus aliados, e polo tanto o que lle dicimos a Pedro Sánchez é que retire eses impostos", di Ánxeles Vázquez.