A odisea duns deportivistas en coche, taxi e autobús ata chegar a Logroño
A odisea duns deportivistas en coche, taxi e autobús ata chegar a Logroño
"Avariamos o coche e o taxista dixo que nos cobraba 600 euros"
Por Zona mixta pasou Cristian Maneiro, un afeccionado deportivista, que contou como foi a viaxe que tiveron que facer ata Logroño para ver o seu equipo.
Coche avariado en Ponferrada
Contounos Cristian que ían cinco ocupantes e que á altura de Benavente o coche empezou a fallar "non respondía e cheiraba a queimado" e que o seguro ofreceulles volver á Coruña ou seguir camiño en taxi durante uns douscentos quilómetros, pero aí veu a sorpresa cando o taxista "díxonos que serían sobre 600 euros ata Logroño".
Pero non querían volver e decidiron seguir adiante cando "unha persoa moi amable de seguridade díxonos que había un autobús que ía cara a Barcelona, pasando por Logroño" e aí decidiron que o taxi os levase ata a estación en León, porque segundo palabras do taxista "no aeroporto de León pasa un avión ao mes" e non era viable coller un coche aló.
De León a Logroño, con noite en Pamplona
Decididos a non perder o partido, e co coche no taller, colleron uns billetes de autobús en León e pasaron noite en Pamplona para chegar ao encontro, iso si, cunha alegría, a vitoria do Deportivo: "Menos mal que gañamos polo menos, a volta foi máis sinxela tamén porque moita xente regresaba á Coruña e leváronnos".
Non lle faltou o humor a Cristian, que dixo que "ben se podía avariar o coche en Alfonso Molina" e que a viaxe lle saíra carísima, porque "se o chego a saber, aceptaría a oferta de ir nun vehículo de alugueiro, como pensabamos nun principio". O que está claro é que a factura vai ser elevada, pero a satisfacción de por fin poder viaxar co seu equipo e a vitoria final compensa os desgustos.