Publicador de contidos
Publicador de contidos

"A pericial sobre o Prestige permitiu mudar a perspectiva sobre as catástrofes naturais", asegura a investigadora galega María Loureiro

"A pericial sobre o Prestige permitiu mudar a perspectiva sobre as catástrofes naturais", asegura a investigadora galega María Loureiro

Dúas decadas despois do accidente do petroleiro segue o litixio polas indemnizacións

Os tribunais recoñeceron 2.500 millóns de euros polos danos fronte á estimación de 4.000 millóns que pedía a Fiscalía no seu informe pericial

O Prestige deixou 3.000 quilómetros de costa danada e mais de 1.000 praias contaminadas polo chapapote

Voluntarios limpando tras o accidente do Prestige/arquivo
G24.gal 12/11/2022 11:14 Última actualización 12/11/2022 14:45

"Lembro con amargura e tamén coa necesidade de poñer de manifesto cal era o custo real do accidente para que de feito isto non volvera acontecer ou polo menos con esa magnitude".

Así describía no espazo Bos Días da TVG o obxectivo central do seu traballo María Loureiro, investigadora galega, membro da Real Academia Galega das Ciencias, encargada da valoración dos danos para o xuízo.

Asegura que o traballo, moi complexo, dos investigadores permitiu cambiar a perspectiva e o ángulo para tratar as catástrofes naturais.

"Aínda non se fixo xustiza, pero si se fixeron cousas interesantes como cambiar o discurso. Antes da pericial falábase de que se ían obter un máximo de 150 millóns de euros, que era o establecido polo FIDAC, o fondo de seguros dos barcos con hidrocarburos. A partir da presentación da peritación do dano total hai unha percepción de que estamos ante catástrofes naturais máis graves que teñen que ter compensacións moito máis elevadas", di María Loureiro.

O traballo da Fiscalía, liderado pola investigadora galega, nunha estimación á baixa cifraba os danos en 4.000 millóns de euros. Os tribunais recoñeceron polo momento 2.500 millóns polo que o litixio segue aberto.

"Se foran eses 2.500 millóns, que aínda por desgraza é a metade do dano total, xa suporía un cambio de magnitude moi importante porque estabamos a falar de 150 millóns, que eran un insulto, un dano moral á toda á sociedade galega despois do que gastaron as Administracións públicas para reparar e do traballo dos milleiros de voluntarios", asegura María Loureiro.

A investigadora galega asegura que despois do encargo do daquela fiscal delegado de Medio Ambiente en Galicia e actual fiscal xeral do Estado, Álvaro García, o seu equipo tratou de buscar un método de computación de danos que permitise ter un estimador para poder presentalo ante os tribunais e reclamar compensacións á caída de ingresos e danos.

"De iso se trataba. Despois dun accidente de tal magnitude deixando de lado as responsabilidades posibles, hai que compensar os afectados", asegura a investigadora galega.

Asegura que se tivo que facer unha reconstrución tras un traballo moi laborioso do estado da costa antes e despois da catástrofe que aconteceu hai 20 anos. E ademais tiveron que cifrar o factor  ambiental e o dano moral despois do Prestige e da marea negra.

"O estigma ambiental prodúcese cando un ben comeza a ter mala reputación por non ser apreciado no mercado. Así despois de que se levantaran as vedas tras a recuperación e limpeza do litoral, moitos pescadores regresaban coas capturas pero non tiñan venda na lonxa porque non había mercado", explica Loureiro.

Esa situación aconteceu na pesca, na acuicultura e no turismo. Neste caso e coa excepción do caso especial do 2004, ano xacobeo, e sen ter en conta o "turismo de catástrofes" nun primeiro momento e os voluntarios, había reticencia para visitar Galicia e facíase por menos tempo e con menos gasto.

O dano moral da catástofe do Prestige trataba de "avaliar canto nos produciu a nós o accidente como cidadáns de a pé emocionalmente e cando estaría disposta a pagar a xente do seu peto para tratar de evitar que catástrofes semellantes acontecesen no futuro."

O Prestige danou 3.000 quilómetros de costa e contaminou máis de 1.000 praias coa marea negra provocada polo chapapote que saíu do mercante.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade