'As que limpan', gañadora dos XXVII premios de Teatro María Casares
'As que limpan', gañadora dos XXVII premios de Teatro María Casares
O porco de pé, de Producións Teatráis Excéntricas, recibiu tres premios
En total, nunha noite moi repartida, nove espectáculos gañaron algún premio
A obra As que limpan, da Panadaría, foi a gran vencedora dos XXVII Premios de Teatro María Casares, cuxa gala se celebrou esta noite no Teatro Rosalía Castro da Coruña.
Un total de 15 espectáculos aspiraban a facerse con algúns dos 16 galardóns nos que se dividen os premios, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia coa colaboración de institucións e entidades como a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), entre outras, segundo un comunicado remitido a EFE.
As que limpan fíxose con catro premios (espectáculo, actriz protagonista (Noelia Castro), dirección e texto orixinal (nestes dous apartados recoñécese de forma conxunta a Areta Bolado, a Ailén Kendelmán e a Noelia Castro).
O porco de Pé, montaxe de Producións Teatráis Excéntricas, conquistou tres galardóns (adaptación-tradución para Quico Cadaval e Pepe Sendón, vestiario para Carlos Alonso e actor secundario para Evaristo Calvo), mentres que Smoke on the water, de Ibuprofeno Teatro, acadou dous (espazo sonoro para Mon Orencio e actor protagonista para Josito Porto).
Outros dous María Casares foron para Ás oito da tarde, cando morren as nais do Centro Dramático Galego (espazo escénico para Blanca Añón e dirección de movemento para Rut Balbís,).
O deus do pop, de Diego Anido, tamén acadou dous galardóns (Iluminación para Montse Piñeiro, Raquel Hernández e Pedro Fresneda e dirección de movemento para o propio Diego Anido e Guillermo Weickret).
Tïteres Cachirulo coa súa obra Xela contra o dragón Traga-Verbas gañou na nova categoría de monicreques, obxectos e figuras animadas.
No apartado de espectáculo infantil, foi a compañía Caramuxo Teatro quen triunfou coa súa obra A nena que vivía nunha caixa de mistos. A relación de espectáculos premiados completouse con dúas obras que gañaron un galardón cada unha: Papagena, de ButacaZero (maquillaxe para Diego Valeiras) e A peste, do Centro Dramático Galego (actriz secundaria para María Roja).