Bea Lema: "Para entender a loucura hai que coñecer o contexto"
Bea Lema: "Para entender a loucura hai que coñecer o contexto"
'El cuerpo de Cristo' válelle á ilustradora coruñesa o Premio Nacional de Cómic
Esta autoficción sobre a doenza mental vista cos ollos dunha nena xa fora premiada no Festival de Angôuleme
Xa está traducida a 3 linguas e en 2025 converterase nunha curtametraxe de animación
Bea Lema consegue o Premio Nacional de Cómic coa súa primeira novela gráfica, El cuerpo de Cristo, unha historia de base autobiográfica sobre unha nena marcada pola doenza mental da nai. Unha obra que fala tamén de coidados, familia, relixión, trauma ou emigración.
Lema é a segunda galega en conseguir este galardón, dotado con 30.000 euros e que concede o Ministerio de Cultura. O xurado destacou a beleza visual da obra e a súa exploración de recursos estéticos alternativos, como os bordados a man que a autora combina con acuarela e rotuladores.
Lema publicara unha primeira versión da obra en galego, en 2017, galardoada co premio Castelao de BD. En conversa co Diario cultural da Radio Galega a autora coruñesa recoñecía que "este proxecto foi a miña escola, porque eu viña do deseño industrial" e facía fincapé na necesidade de visibilizar as enfermidades mentais graves e de concienciar "sobre o supón unha enfermidade mental grave nunha familia".