"Humilde e cunha gran calidade humana", así recordan a Luis Suárez os que o trataron
"Era un rapaz normal que xogaba a todos os deportes mellor ca o resto", asegura Antonio Bouzas, amigo del da infancia
Para coñecer a figura de Luis Suárez cómpre escoitar familiares e amigos durante os últimos anos. O seu sobriño Agustín Suárez lembraba del: "Xuntabamos 12 ou 14 persoas con olas de cocido facendo e comendo percebes, que lle encantaban".
Antonio Bouzas foi amigo del desde os dez anos, e coincidiron en moitos equipos de afeccionados: "Xogabamos con pelotas de trapo, era un rapaz normal que xogaba mellor ca os demais. Gañaba a todo, a ping pong, a xadrez, ao billar...".
Manolete lembra un partido coa selección española en 1972, o último partido de Suárez como internacional: "Estaba Kubala, premiouno con este partido e foi unha honra que lembro con moito orgullo. Un dos meus grandes trofeos é unha fotografía con Luis Suárez daquel partido".
Piña coincidiu con Suárez no Deportivo da 78-79, cando chegou na xornada 11 como adestrador. "Era un tipo afable, humilde, como se fora un compañeiro máis. A xente non preguntaba por nós, só preguntaba polo noso adestrador".