Publicador de contidos
Publicador de contidos

Francisco Álvarez: "Non se lle pode furtar o beneficio da vacina a menores de 12 anos"

Francisco Álvarez: "Non se lle pode furtar o beneficio da vacina a menores de 12 anos"

O coordinador do Comité Asesor de Vacinas da Asociación de Pedriatría considera "necesaria" a inmunización infantil

O preparado para o grupo de 5 a 11 anos leva un terzo da dose adulta polo que os efectos secundarios asociados son menores

G24.gal 04/12/2021 10:14

O coordinador do Comité Asesor de Vacinas da Asociación Española de Pedriatría, Francisco Álvarez, considera “necesario” inmunizar contra a covid-19 o colectivo menor de doce anos para tentar frear a circulación do virus.

Lembra que nestes momentos é o grupo que rexistra unha maior incidencia porque “non está vacinado”. Malia que os síntomas adoitan ser leves, tamén hai menores na UCI e xa faleceron 17.

Nunha entrevista no espazo Bos Días, da Televisión de Galicia, asegura que “non se lle pode furtar” a este colectivo de menores o beneficio que obtivo o resto da poboación cunha vacina que, insiste, é “segura e eficaz”.

Salienta que “os pros son moito maiores ca os contras”. Segundo explica, a administración do soro pode asegurar “unha educación escolar como a que tiñamos no 2019”, conseguir “esa protección de grupo do 91 %” necesaria para facer fronte ás novas variantes e evitar que se dispare a presión hospitalaria.

“Esta doenza non é unha broma. Complícase cando quere, non sabemos en quen se vai complicar, e tendo un produto eficaz e seguro (...) paga a pena evitar que (este colectivo) enferme e contaxie persoas vulnerables da súa contorna”.

Un terzo da dose

Amósase convencido de que as coberturas entre os cinco e os once anos van ser moi elevadas porque “España é un país vacinador”. Subliña que o preparado (de Pfizer) é moi semellante ao da poboación adulta e tamén precisa dilución con soro fisiolóxico, ultraconxelación e refrixeración. Ademais, ten menos efectos secundarios porque se administra un terzo da dose convencional.

“Incluso dura un pouco máis. De cada vial extraemos dez doses e na de adultos seis ou sete. A dose adulta é de 1,3 mililitros e a infantil de 1,2. Leva un terzo da dose. A nós, inocúlanos 30 microgramos e a eles 10".

Vacinación obrigatoria

Respecto á vacinación obrigatoria, lembra que en España non se formula esta posibilidade porque terían que cambiar a lei. Porén, pensa que non é necesario.

"España é o país do mundo con mellores coberturas de vacinación en todos os grupos de idade excepto no que vai dos 20 aos 40 anos (...) A vacinación obrigatoria non é necesaria porque o que funciona non hai que cambialo".

Sobre a variante ómicron, considera que non debemos preocuparnos máis do debido e agardar ás conclusións científicas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos