'O corno', de Jaione Camborda, fai historia ao gañar a Cuncha de Ouro cun filme en galego
'O corno', de Jaione Camborda, fai historia ao gañar a Cuncha de Ouro cun filme en galego
O corno é a primeiro filme galego en gañar a Cuncha de Ouro do Festival de Donostia
Jaione Camborda convértese na primeira directora española que recibe este galardón nos 71 anos de historia do festival
O filme, que conta coa participación da TVG, chegará ás salas o próximo 11 de outubro
“Outorgarlle a Cuncha de Ouro a 'O corno', de Jaione Camborda", anunciaba Claire Denis, a presidenta do xurado.
O corno fixo historia no Festival de Donostia. Era a primeira vez que unha longametraxe galega competía na sección oficial do Festival de Donostia. Agora acaba de converterse tamén no primeiro filme no noso idioma en gañar a Cuncha de Ouro á mellor película.
“Lévoa para alá, é a primeira película en galego en recibir este premio e é unha honra que fora premiada”, explicaba a directora de 'O corno'.
A súa directora, Jaione Camborda, é ademais a primeira realizadora española que gaña este premio nos 71 anos de vida do festival, facendo historia no cine tamén a nivel nacional.
“Aínda é noticia, pero estamos desexando que deixe de selo. Tamén estamos desexando que se nos pregunte por cine. Ser a primeira é romper unha barreira, pero ten que normalizarse”, manifestou a directora.
O corno ten como protagonista a bailarina e coreógrafa Janet Novás, quen encarna, no seu papel de debut, unha mariscadora e parteira na Illa de Arousa a comezos dos anos 70. Un suceso inesperado obrígaa a fuxir.
“Foi un privilexio que o meu debut como actriz fora con esta familia de 'O corno', estou moi emocionada”, asegurou Janet Novás.
Como pano de fondo, o ambiente represivo do tardofranquismo, que ten o corpo e a liberdade das mulleres como vítimas; e fronte a el, a solidariedade das protagonistas. O corno, a segunda longametraxe de Jaione Camborda, terá a súa estrea en salas o 11 de outubro.
Fito histórico e mensaxe ás cineastas referentes
Jaione Camborda fixo historia cunha cinta rodada e ambientada en Galicia que contou tamén coa participación da Televisión de Galicia.
"Este é un momento moi emocionante porque detrás dunha película hai moitas decisións e moitos posicionamentos e non puiden estar rodeada dun equipo mellor", manifestaba Camborda.
"Alégrame tamén que fora con este xurado ao que admiro. Son moi importantes os referentes. E dedícolle a Cuncha ás directoras que están por vir e que tamén serán referentes", explicaba visiblemente emocionada.
'O corno' é unha película que fala da maternidade desde distintos puntos de vista. A historia arranca e remata con dous partos nunha película que xoga a amosarnos unha realidade dividida en dous espellos e onde a solidariedade entre mulleres xoga outro papel fundamental. Un cine que activa os sentidos e tamén as emocións.
"É curioso, porque eu son de Donostia, residente en Galicia xa hai 13, 14 anos, e traer aquí unha peli en galego é como que conflúen os dous mundos, é moi bonito", comentaba Jaione Camborda hai uns días nunha entrevista.
A bailarina Janet Novás troca a danza pola interpretación e conta que para ela "foi moi bonito poder prolongar este traballo físico que leva a unha personaxe".
"Cando fixen a proba fixéronnos un xogo de olladas, tiñas que expresar cos ollos diferentes sensacións. Xa imaxinei que ía ter un gran papel a ollada", explicaba Carla Rivas, de 18 anos e arousá do Carril.
Desde 2018, cando gañou Isaki Lacuesta con Entre dos aguas, o premio gordo de San Sebastián non recaía nunha produción española. Un premio que retorna co feito inaudito de facelo cunha película en lingua cooficial. O corno é un filme que fala galego e tamén portugués nunha clara aposta por facer cine noutras linguas e noutros pequenos mundos.
Por se todo isto fose pouco, é a cuarta directora consecutiva que gaña o máximo premio dun festival marcado nos últimos anos por unha imparable pegada feminina na industria.
'O corno', a segunda longametraxe de Jaione Camborda, terá a súa estrea galega o vindeiro martes 3 de outubro no festival Curtocircuíto de Santiago, aterrando con este éxito nunha edición número 71 do festival marcada pola imparable pegada feminina.
Jaione Camborda
Jaione Camborda é un dos nomes que soa dentro do coñecido como Novo Cinema Galego, a súa ópera prima foi Arima. Nada en San Sebastián en 1983 leva xa moitos anos asentada en Galicia, precisamente a ollada sobre a nosa terra centrou ata agora o seu discurso como directora e guionista.
Desde 2018, cando gañou Isaki Lacuesta con Entre dos aguas, o premio gordo de San Sebastián non recaía nunha produción española.
Jaione escribiu este sábado unha páxina histórica do cine español e do cinema galego.