Lorenzana: "Queremos que quen teña preto un parque eólico teña un beneficio"
Lorenzana: "Queremos que quen teña preto un parque eólico teña un beneficio"
A conselleira de Economía asegura que o obxectivo da Comercializadora de Enerxía de Galicia é "democratizar" a enerxía: "Os cidadáns galegos merecen que os seus recursos naturais redunden en beneficios"
Lorenzana di que "o interese público está totalmente garantido" porque a Xunta terá "dereitos políticos moi fortes para vetar calquera decisión contraria aos intereses de Galicia"
A conselleira de Economía e Industria asegura que a Comercializadora de Enerxía Galega impulsada pola Xunta permitirá "democratizar a enerxía en Galicia", xa que permitirá ofrecer prezos competitivos a empresas e veciños nas zonas próximas a proxectos de renovables.
Segundo María Jesús Lorenzana: "Ata agora, quen tiña ao seu redor un parque eólico estaba afectado por ese parque; nós queremos que quen teña un parque eólico preto teña un beneficio". Así, a conselleira calcula que os veciños que residan preto destas instalacións teñan un desconto dun 50 % no seu recibo da electricidade. "É de xustiza -dicía Lorenzana nunha entrevista no 'Bos días'-; os cidadáns galegos merecen que os seus recursos naturais redunden en beneficios".
A Comercializadora de Enerxía Galega ofrecerá tamén "tarifas máis baratas" a autónomos e pequenas e medianas empresas que "non podía acceder" á compra de grandes paquetes de enerxía por un certo tempo con tarifa plana.
A conselleira sae ao paso das críticas da oposición, que critica o modelo público-privado escollido, cunha participación da Xunta do 30 %. Segundo María Jesús Lorenzana "o interese público está totalmente garantido", xa que "nós temos dereitos políticos moi fortes que poden vetar calquera decisión contraria aos intereses de Galicia".
Lorenzana salienta que este proxecto é "pioneiro en España", xa que abrangue todo o ciclo da enerxía: desde a produción ata a comercialización da mesma.
Lorenzana critica a estratexia do Goberno sobre a eólica offshore: "A ministra 'pasou' de Galicia"
A Conselleira de Economía e Industria referíase ao decreto que regulará a eólica mariña aprobado recentemente polo Consello de Ministros".
Segundo María Jesús Lorenzana: "Non se entende que a ministra diga que comezará a aplicarse polos territorios con máis aceptación social cando Galicia leva tempo pedindo que se teñan en conta criterios sociais". "A ministra 'pasou' da solicitude de Galicia. É difícil que poda haber aceptación social se os criterios que pedimos non se teñen en conta".
A conselleira confía ademais que o Tribunal Supremo "resolva os recursos" presentados pola Xunta en contra da decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia de suspender cautelarmente sete parques eólicos por "posibles danos medioambientais".
A xuízo da titular de Economía do Goberno galego, "temos que seguir avanzando por parte da administración autonómica nesa planificación nova e avanzar tamén na parte xudicial esperando que o Tribunal Supremo resolva os recursos".