Catorce mortos e trinta e cinco feridos nun corremento de terras en Colombia
Catorce mortos e trinta e cinco feridos nun corremento de terras en Colombia
Decenas de casas foron evacuadas por precaución
Entre as vítimas mortais hai dous menores
Polo menos catorce mortos e máis dunha trintena de feridos por un corremento de terras no centro de Colombia provocado pola choiva intensa. Entre as vítimas mortais hai dous menores de idade. Tamén se desbordou un río que obrigou a evacuar decenas de vivendas.
Horas despois do corremento de terra que arrasou parte da cidade colombiana de Pereira, a capital do departamento de Risaralda, bombeiros e veciños seguen os traballos de rescate e busca de posibles vítimas sepultadas entre os cascallos. As autoridades informaron de que polo menos unha persoa continúa desaparecida.
O alude de lama enterrou polo menos cinco casas. Algunhas foron arrastradas ata o río Otún, que se desbordou tras doce horas ininterrompidas de intensa choiva. Outras 52 vivendas foron evacuadas. O corremento de terras sorprendeu de madrugada mentres os veciños durmían.
Tanto o concello de Pereira coma o veciño de Dosquebradas activaron programas de aloxamentos temporais en hoteis e recolocación dos afectados, ademais de ofrecerlles alimentación e atención médica e psicolóxica.
Os corrementos de terra son comúns en Colombia por mor do terreo montañoso, a frecuente choiva torrencial e as construcións moitas veces deficientes nesta zona de risco, coñecida como o eixe cafeteiro, a rexión montañosa entre os departamentos de Risaralda, Caldas e Quindío, que xa sufrira nos anos 70 unha traxedia semellante á vivida agora.