Liberadas trece vítimas de explotación laboral que coidaban anciáns as 24 horas
Liberadas trece vítimas de explotación laboral que coidaban anciáns as 24 horas
Detidos en Sevilla e Cádiz oito responsables dunha rede colombiana de trata de seres humanos que as tiñan ameazadas
Axentes da Policía Nacional liberaron 13 vítimas de explotación laboral e detiveron oito responsables dunha organización dedicada á trata de seres humanos en Sevilla (sete) e en Cádiz (un).
As vítimas, na súa maioría mulleres, de nacionalidade colombiana, eran obrigadas a traballar coidando anciáns as 24 horas ao día, en modalidade de internas e sen substitución ningunha, segundo informa a Policía Nacional nunha nota.
A organización ameazaba as súas familias en Colombia se non pagaban de xeito periódico a débeda contraída, o que obrigou algunha delas a abandonar as súas casas e cambiar de país.
Realizáronse tres rexistros en domicilios da cidade de Sevilla e unha inspección nun restaurante da localidade de Zahora (Cádiz).
Tamén requisaron oito teléfonos móbiles de alta gama, 4.000 euros en efectivo e abundante documentación relacionada coa investigación.
As oito persoas arrestadas enfróntanse aos delitos de pertenza a organización criminal, trata de seres humanos con fins de explotación laboral, e contra os dereitos da cidadanía estranxeira.
Inicio da investigación
A actuación policial iniciouse ao ter coñecemento da existencia de varias vítimas de trata de seres humanos na cidade de Sevilla, explotadas coidando persoas de idade avanzada as 24 horas do día.
As investigacións permitiron descubrir unha organización criminal liderada por unha familia de nacionalidade colombiana que estaba a explotar laboralmente compatriotas.
A rede captaba as vítimas en Colombia, aproveitando a súa situación de extrema necesidade e ofrecéndolles traballo de coidado a persoas dependentes.
A organización encargábase de trasladalas en avión, facéndose cargo da viaxe a cambio de asinar un recoñecemento de débeda de diferentes cantidades, que posteriormente terían que saldar.
Entraban en España facéndose pasar por turistas e a rede facilitáballes os cartos necesarios para acreditar medios de vida e un billete de volta que anulaban nada máis chegar.
Unha vez en Madrid, levábanas en tren ata Sevilla e desde alí mandábanas a diferentes puntos da provincia para seren explotadas, o que lles permitía controlalas en todo momento.
Traballaban coidando persoas dependentes durante 24 horas, en modalidade de internas e sen substitución, xa que requirían atención constante.
Atraso inxustificado
Nalgúns casos, a trama premía as vítimas para pagar as débedas por un atraso inxustificado na obtención de traballo e suxeríalles exercer a prostitución para saldar as contas canto antes.
Ademais, os membros da organización cobráballes unha comisión por atoparlles un posto, que se unía aos gastos do traslado dende Colombia.