15 países da UE piden limitar o prezo do gas
15 países da UE piden limitar o prezo do gas
Teresa Ribera ve a Alemaña e Holanda abertas a escoitar propostas
Os 27 aproban aforrar electricidade e impostos e topes aos beneficios das enerxéticas
Das tres propostas aprobadas este venres, a España só lle afecta unha: a redución do consumo de electricidade. Será obrigatorio facelo nun 5 % nas horas punta, e recoméndase que sexa do 10 % en toda a xornada.
As outras dúas medidas son un imposto de soldariedade do 33 % dos beneficios extraordinarios das empresas petroleiras e gasistas e un tope aos beneficios das centrais nucleares, de carbón ou renovables, que producen enerxía barata e a cobran cara.
As dúas, aínda que con algúns cambios, xa estaban vixentes en España e a Comisión permite que sigan así. As tres propostas aprobáronse sen dificultade: o debate estivo no tope ao prezo do gas.
"Non é razoable que a única maneira de abordar esta cuestión sexa vía presupostos xerais dos estados. Se non poñemos un tope ao gas, poderiamos ter un impacto importante sobre o produto interior bruto da Unión Europea", di Teresa Ribera, ministra para a Transición Ecolóxica.
España e outros 14 países queren que o tope afecte a todos os provedores e non só a Rusia, porque aseguran que o que están cobrando agora os operadores ten máis que ver coa especulación que co que lles custa extraer o gas.
Di a ministra que atopou un cambio de postura nos Países Baixos e Alemaña, os máis remisos á idea, e agardan agora que a Comisión presente o antes posible unha proposta.