A abadía de Westminster acolle o luns á mañá o funeral de Estado da raíña Isabel II
A abadía de Westminster acolle o luns á mañá o funeral de Estado da raíña Isabel II
Ringleiras de máis de oito quilómetros para pasar pola capela ardente
A raíña será enterrada no castelo de Windsor ao lado do duque de Edimburgo
Tras dez días de despedida á raíña que máis tempo reinou no Reino Unido, o luns ás 11 da mañá, hora británica, celebrarase o funeral de Estado nesta abadía de Westminster, que será centro de atención mediática para medio mundo. Ata alí trasladarán o féretro de Isabel II 142 mariñeiros da Royal Navy.
Xa se están cursando as invitacións aos máis de dous mil asistentes previstos a ese funeral, entre membros de casas reais e mandatarios políticos. Os últimos en confirmar a súa presenza foron o presidente estadounidense Joe Biden mais o francés Emmanuel Macron.
Segundo informou o palacio de Buckinghan nas últimas horas, a cerimonia concluirá con dous minutos de silencio que se celebrarán de xeito conxunto na abadía e en todo o país. Comercios e restaurantes pecharán durante o oficio relixioso. Tamén o aeroporto londiniense de Heathrow anunciou que deterá os voos durante varias horas para respectar ese silencio nacional.
Isabel II será logo enterrada á última hora da tarde no castelo de Windsor. O servizo relixioso será privado, pero poderá verse por televisión. Os restos da raíña xacerán ao lado dos do seu home, o duque de Edimburgo, na capela conmemorativa do rei Xurxo VI, onde están tamén os pais de Isabel e as cinzas da súa irmá Margarida.
O luns remata o loito nacional decretado pola morte da raíña, pero o loito da familia real alongarase sete días máis.