Publicador de contidos
Publicador de contidos

80 anos do desembarco de Normandía: a actual Europa en guerra recorda a súa liberación

80 anos do desembarco de Normandía: a actual Europa en guerra recorda a súa liberación

Xefes de Estado e de Goberno participan na conmemoración, á que non se convidou ningún representante de Rusia

Os veteranos da batalla volven na que seguramente sexa a súa última vez

Xan Codesido 05/06/2024 13:03 Última actualización 05/06/2024 16:51

As celebracións volven ás praias de Normandía. Fai 80 anos do desembarco que en 1944 marcou o inicio da liberación de Francia e o noroeste de Europa da ocupación nazi.

Arredor dun millón de visitantes e varias decenas de xefes de Estado e Goberno visitarán a rexión os próximos días. Alí estarán os líderes occidentais que celebrarán esta semana eses 80 anos desde que as tropas aliadas irromperon na Europa ocupada. E farano mentres Ucraína loita con Rusia noutra guerra que sacude Europa.

Será unha conmemoración marcada pola tensión na política internacional se se compara co 75 aniversario de 2019 e con outras celebracións anteriores, xa que por primeira vez non se convidou a Rusia (como herdeira da Unión Soviética), pero si a Ucraína.

Cemiterio de Bayeux (Reuters/Hannah McKay) Cemiterio de Bayeux (Reuters/Hannah McKay)

O presidente francés, Emmanuel Macron, recibirá nas costas de Normandía, entre outros, o presidente estadounidense, Joe Biden, quen xa está en Francia; o rei británico, Carlos III, e o primeiro ministro canadense, Justin Trudeau, en representación dos tres principais países implicados nos desembarcos do 6 de xuño de 1944.

Pero nun forte acto simbólico tamén asistirá o presidente ucraíno, Volodimir Zelensky. Ningún funcionario de Rusia foi convidado, despois de que París revogara os seus plans de recibir representantes de nivel inferior en recoñecemento á inmensa contribución da Unión Soviética na Segunda Guerra Mundial.

O día máis longo

O 6 de xuño de 1944, o Día D, tivo lugar a que ata entón foi a maior operación militar anfibia da historia, na que 7.000 buques e 9.500 avións de todo tipo permitiron desembarcar en chan francés a máis de 150.000 soldados e 20.000 vehículos.

Nunha operación que se mantivo mantiveron en segredo, os aliados desembarcaron en cinco praias repartidas pola costa de Normandía: Omaha e Utah para os estadounidenses, Gold and Sword para os británicos e Juno para os británicos e canadenses.

Ao final desa primeira xornada, que se coñeceu como O día máis longo os aliados aseguraran unha cabeza de ponte en Francia desde a que empezar o ataque ao corazón de Alemaña, pero ao prezo dunhas 10.000 baixas, entre elas case 4.500 mortos.

Os desembarcos marcaron o comezo do fin da ocupación nazi de Europa, malia que aínda quedaban por diante meses de intensos e sanguentos combates antes da vitoria sobre o réxime de Adolf Hitler.

Tras máis de dous meses de duros combates na rexión, a batalla de Normandía terminou en Falaise, o 21 de agosto, coa derrota nazi. Nese tempo calcúlase que ambas as partes sufriron 425.000 baixas entre mortos, feridos e desaparecidos.

A partir de aí, os aliados lanzaron unha rápida carreira cara á fronteira alemá, e a liberación de París chegou só catro días despois, encabezada polos republicanos españois, da chamada La nueve da Division Lecrerc.

Neste ano, a organización francesa preparou unha serie de eventos para levar a memoria a outros aspectos da traxedia da guerra que normalmente non se trataron.

Manuel Otero Martínez, o galego que faleceu na praia de Omaha

O único español que faleceu no Día D era da Serra de Outes. Manuel Otero desembarcou co exército americano, tiña 28 anos. 

Unha reportaxe realizada polos servizos informativos da TVG hai dez anos, no 70 aniversario, recuperaba a súa historia.

Manuel Otero era un emigrante de Outes que se alistara no exército norteamericano para conseguir a nacionalidade daquel país e acabou desembarcando en Normandía, onde faleceu.

Os diarios da irmá de Manuel Otero conservaron os detalles da súa historia. A investigación para coñecela comezou por un arcón de cinc no que veu o cadáver de Manuel dende Francia. O número de serie permitiu coñecer o seu historial militar. Ao seu enterro no Freixo acudiran en 1948 militares norteamericanos.

Homenaxes á resistencia e aos civís mortos

Este mércores, o presidente francés encabezará dúas cerimonias, a primeira na veciña rexión de Bretaña, en homenaxe á resistencia, que coas súas sabotaxes a comunicacións e transportes complicou moito a chegada de reforzos alemáns.

E a outra será en Saint Lô, nun recordo inédito dos 20.000 civís mortos durante os bombardeos aliados e os combates nos case tres meses que durou a batalla de Normandía.

Este xoves, o día do aniversario, o rei Carlos III inaugurará un novo monumento ás tropas británicas en Ver sur Mer.

Despois, o presidente estadounidense, Joe Biden, encabezará a cerimonia en homenaxe ás tropas do seu país que asaltaron Omaha Beach, onde tiveron lugar os combates máis feroces do Día D.

Máis tarde terá lugar a tradicional cerimonia internacional en Coleville sur Mer, coa presenza duns 25 xefes de Estado e de Goberno de Europa e América do Norte.

Ademais de Macron e Biden, os presidentes de Italia, Polonia, Eslovaquia e República Checa; os xefes de Goberno de Alemaña, o Reino Unido, O Canadá, Países Baixos, Dinamarca, Noruega e Luxemburgo, e os reis do Reino Unido, Países Baixos, Bélxica e o gran duque de Luxemburgo figuran entre os asistentes.

Os veteranos de Normandía volven por última vez

Os últimos veteranos vivos da campaña de Normandía estarán presentes nestas celebracións, nas praias, cidades e campos onde combateron hai 80 anos, e que seguramente será o último para a gran maioría deles.

Veteranos chegados para as celebracións (Reuters/Beniot Tessier) Veteranos chegados para as celebracións (Reuters/Beniot Tessier)

Os grandes aniversarios con cerimonias internacionais congregan máis antigos soldados, pero a elevada idade de todos (case todos son centenarios, e os que non, andan moi preto) fai moi pouco probable que poidan retornar para a efeméride dentro de cinco anos en 2029.

Un grupo de 48 chegou o luns desde os Estados Unidos ao aeroporto de Deauville a bordo dun voo especial desde Atlanta, e tras baixar do avión foron colocados en cadeiras de rodas para que se desprazasen con máis comodidade.

En Francia volveron pedir que o mundo non esqueza a súa mensaxe dos custos que implica a liberdade nin o seu sacrificio nin o dos seus camaradas caídos pola liberación de Europa da ocupación nazi.

Axudados por voluntarios de varias asociacións, desprázanse estes días por numerosos actos por toda a rexión a fin de recibir homenaxes e departir con cidadáns e con dirixentes.

O presidente francés, Emmanuel Macron, condecorará varios grupos coa Lexión de Honra nas cerimonias dese xoves.

O seu homólogo estadounidense, Joe Biden, tamén departirá con algúns durante a cerimonia que organiza o seu país no cemiterio de Colleville sur Mer, e varios membros da familia real británica farán o mesmo nestes días en varios puntos da antiga fronte das tropas anglocanadenses.

Un millón de visitantes

Ademais do millón de turistas que se espera, miles de afeccionados á historia comezan a chegar xa esta fin de semana pasada á franxa costeira que vai de Cherburgo a Caen cos seus uniformes e vehículos de época.

Xa se volveu a reconstituír o Campamento Xerónimo en Saint Mère Eglise, onde centos de devotos plantan as súas tendas militares vintage á beira dos seus vehículos históricos: jeeps, camións e mesmo vehículos blindados estadounidenses, como M8 ou M10.

Recreadores da batalla nas praias de Normandía (Reuters/Beniot Tessier) Recreadores da batalla nas praias de Normandía (Reuters/Beniot Tessier)

As praias de Normandía e os seus arredores, que acumulan 44 museos e 21 monumentos, pero tamén impresionantes cemiterios militares (28, con case 118.000 tumbas), volverán revivir un dos momentos máis celebrados da historia contemporánea. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade