Publicador de contidos
Publicador de contidos

A ameaza dun ataque iraniano a Israel sobe os prezos do petróleo e do ouro

A ameaza dun ataque iraniano a Israel sobe os prezos do petróleo e do ouro

A Casa Branca asegura que as ameazas de Irán contra Israel son "cribles"

G24.gal 12/04/2024 19:35 Última actualización 13/04/2024 10:27

A posibilidade dun ataque inminente de Irán contra Israel elevou a tensión nos mercados e traduciuse nas últimas horas en subidas sensibles do petróleo, o ouro e os bonos soberanos.

Nos tres casos, os prezos moderáronse despois dunha subida abrupta.

Os prezos do cru chegaron a subir máis do 2 % e situáronse durante a sesión nos niveis máis altos desde outubro.

O Brent, o cru de referencia en Europa, rozou os 92,2 dólares por barril ao redor das 14:30 GMT, aínda que despois perdeu fol e agora roza os 91 dólares, cunha subida dos 1,3%.

O West Texas Intermediate (WTI), referente nos Estados Unidos, encarece un 1,5 % e pasa os 86,3 dólares por barril.

O prezo do ouro, un dos activos refuxio en períodos de incerteza, encadeou varios máximos históricos durante a sesión.

O nivel máis alto, de 2.431,52 dólares por onza, tocouno ás 15:00 GMT, segundo datos de Bloomberg. Ás 16:30 GMT situábase ao redor dos 2.380 dólares.

O prezo dos bonos soberanos tamén experimentou subidas significativas, o que provocou un descenso dos seus rendementos (que evolucionan en sentido contrario).

Os bonos das economías máis sólidas son tamén un activo refuxio en momentos de tensión.

A rendibilidade do bono español a dez anos, o de referencia, baixa ata o 3,179 %, mentres que a do bono alemán, considerado o máis seguro, retrocede ata o 2,357 %.

O rendemento do bono estadounidense a dez anos cae ata o 4,507 %.

No caso da débeda soberana, os riscos xeopolíticos combínanse coas dúbidas sobre o calendario de baixadas dos tipos de interese, sobre todo nos Estados Unidos, onde a subida da inflación e a resistencia da súa economía quitan incentivos á Reserva Federal para rebaixar o prezo do diñeiro.

Desde os Estados Unidos, a Casa Branca asegura que as ameazas de Irán contra Israel son "cribles".

"Consideramos que a ameaza potencial de Irán é real, sen dúbida é crible", dixo o portavoz do Consello de Seguridade Nacional, John Kirby.

O portavoz explicou que a Administración de Joe Biden está en contacto co Goberno israelí para que "teña todo o que necesite" para defenderse.

As tensións entre Israel e Irán aumentaron despois de que un ataque atribuído ao Exército de Israel contra o consulado iraniano en Damasco matase a semana pasada a sete membros da Garda Revolucionaria iraniana.

O Exército de Irán sinalou este venres que está preparado para facer fronte ás ameazas dos “inimigos”.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade