Unha bomba da II Guerra Mundial paralizou a estación de Gare du Nord, en París
O explosivo foi atopado intacto durante unhas obras nas vías
O suceso mantivo a estación paralizada durante 12 horas, e víronse afectados uns 500 trens
A estación é a de maior tránsito de Europa, con 600.000 pasaxeiros diarios, e dela saen os trens que van a Londres, Bruxelas ou Ámsterdam

A parisiense estación Gare du Nord, a máis transitada de Europa con máis de 600.000 pasaxeiros diarios, estivo totalmente paralizada durante 12 horas tras o descubrimento dunha bomba da II Guerra Mundial e tivo que cancelar boa parte do seu tráfico ferroviario para este venres, incluíndo os Eurostar.
O proxectil, de máis dun metro de longo e intacto, foi descuberto esta pasada noite "no medio das vías" durante uns traballos á altura de Saint Denis, poucos quilómetros ao norte de París, anunciou a empresa ferroviaria estatal SNCF.
En total, uns 500 trens víronse afectados, unha cifra "particularmente importante", segundo o ministro, de Transportes, Philippe Tabarot, o que xerou problemas que afectaron o resto das comunicacións.
Boa parte do tráfico tivo que cancelarse para este venres, tanto os traxectos nacionais como os internacionais, que inclúe os Eurostar a Londres, Bruxelas e Amsterdam, pero tamén os nacionais. Algúns deses trens tiveron que saír desde a estación de Lión.
Así, as liñas Londres-París, París-Londres, Bruxelas-Paris e París-Bruxelas non funcionarán ata este sábado, sinalou Eurostar.
Moitos viaxeiros tiveron que buscar alternativas de última hora para os seus desprazamentos.
Tamén quedou moi afectada a circulación dos trens rexionais TER e os de proximidade da rede RER, que comunican París coa súa periferia, varias de cuxas liñas pasan por esa estación.
As autoridades enviaron un equipo de desactivación de explosivos para neutralizar o artefacto.