Veciños da Barquiña denuncian o abandono desta área de Noia
Veciños da Barquiña denuncian o abandono desta área de Noia
Levan máis de sete anos reclamando as melloras no concello sen obter resultados
A zona está saturada de tráfico pesado e os coche circulan a gran velocidade
A área costeira está contaminada e precisa de actuacións urxentes
Os veciños ven moitas eivas no lugar da Barquiña: piden a construción dunha rotonda e novas vías de acceso, a necesidade dunha beirarrúa na contorna da igrexa. Tamén piden un proxecto para a rexeneración da praia, que inclúa a retirada das tubaxes do saneamento municipal que están inservibles e a reparación dos danos que presenta o peirao.
Un abandono total da Barquiña. Iso é o que denuncian dende a asociación de veciños. Piden limitar a velocidade do tráfico, así como a urxencia de intensificar a limpeza viaria. Aquí hai unha gran superficie, cinco empresas que xeran gran movemento de camións e un colexio con máis de 200 alumnos que leva aparellado a circulación de autobuses.
"Aquí por esta corredoira da Maragata, pasan os coches embalados. Falei con Julio Bustelo, o concelleiro responsable da Policía Local, e díxome que tiñamos que coller as matrículas. Eu díxenlle que tiña que mandar máis policías ou poñer uns pasos elevados para que pasen máis amodo, porque aquí pola mañá parece Madrid", afirma Secundino García Forján, presidente da Asociación de Veciños Monte de Carracido.
"Hai un só acceso a este lugar e hai centos de coches todos os días das industrias de aquí para entrar e saír, polo que houbo accidentes nos cruzamentos e quedaron coches de abastecemento atoados provocando problemas enormes", conta un dos veciños da Barquiña.
Os veciños tamén fan referencia á necesidade de transformar punta Paradela, o mellor miradoiro sobre o esteiro do Tambre e da ría.
"Levantaron toda a praia da Barquiña e fixeron a condución para o saneamento do lugar cara á depuradora, pero a depuradora non estaba feita entón e quedaron as tubaxes e desfixeron a praia", asegura este veciño.
De parte da veciñanza está a antigüidade do lugar, xa que foi o primeiro asentamento humano da zona, na época megalítica e mesmo a súa fundación urbana é previa á de Noia. Agora a súa poboación está arredor dos 400 habitantes e 150 vivendas.