A hostalería aplica medidas contra as cancelacións inxustificadas
A hostalería aplica medidas contra as cancelacións inxustificadas
As cancelacións son máis habituais no verán e con clientela de fóra
As aplicacións de xestión de reservas xa están preparadas para reter unha porcentaxe do prezo e pedir confirmación por mensaxe móbil
Moitos restaurante xestionan nestes festas as comidas de grupo cunha garantía de reserva para evitar cancelacións de última hora ou que a cientela non se lles presente.
É unha medida que adoptan cada vez máis hostaleiros para evitar perdas importantes, e entre os comensais xa se normalizou cando son comidas de máis de 6 persoas.
Comidas en grupo e con reserva previa. É o habitual nestas datas, e para evitar cancelacións inxustificadas ou ausencias, os hostaleiros botan man de medidas que lles ofrecen unha garantía de que os clientes non van faltar.
"As reservas xestionámolas de forma informática cun programa que o que fai é pedir unha garantía cunha tarxeta. Se é unha reserva dun menú concertado o que se retén é o 50% do prezo do menú e se é unha reserva á carta retén quince euros por persoa", di Martín Pais, do restaurante Orixe
"Nós as reservas dos grupos de máis de 8 persoas o que estamos facendo é reter un sinal de 10 euros, algo significativo, para asegurarnos de que non faltan", explica Diego Neguerela, do restaurante Vilar 64
O verán é a época na que máis sofren as consecuencias de clientes que non acoden como lle aconteceu hai uns meses a Diego, con tres reservas para o mesmo día ou a Martín, tamén nalgunha ocasión.
"Máis do 30% da facturación é o menú de dez persoas. Se a min me cancela un grupo de dez ou doce persoas xa me estragan a xornada. En temporada alta podes subsanalo pero no Nadal non", asegura Neguerela
"É unha perda económica porque perdemos produto e porque deixamos de facer caixa ese día. Con que falten tres mesas pasamos de ter beneficios a perdas", calcula Pais
A clientela acéptao xa con normalidade, e os hostaleiros aseguran que desde que aplican estas medidas, en moi poucos casos tiveron que cobrar a recarga.