A boia de Ribeira incorpora máis sensores para coñecer o estado do mar
A boia de Ribeira incorpora máis sensores para coñecer o estado do mar
Formando parte do Observatorio Costeiro, recolle datos para mellorar a xestión dos recursos mariños e previr incidencias
A boia de Ribeira xa conta con novos sensores que van permitir optimizar a recollida de datos sobre as condicións do mar. Datos que utiliza a diario Meteogalicia e que teñen moitas outras utilidades.
"Por exemplo, nunha continxencia mariña poder predicir a onde se van desprazar manchar dun hidrocarburo ou por exemplo dar apoio tamén en operacións de rescate", apunta Silvia Torres, coordinadora da Unidade de Tecnoloxías Mariñas do CETMAR.
Ademais de ser útil para os mariñeiros, os meteorólogos e as comunidades científica e educativa todos podemos ser destinatarios da información que recompilan, uns datos que o Observatorio recibe cada 10 minutos en tempo real e logo traslada aos usuarios.
"Os máis de 200.000 euros que destinamos entre a Consellería de Medio Ambiente e a Consellería de Mar todos os anos para manter este Observatorio, son os cartos mellor invertidos porque nos dan coñecemento, porque soamente con datos e con estudos, seremos quen de atinar no modelo de xestión de todas as especies que queremos explotar no mar de Galicia", explica Rosa Quintana, conselleira do Mar
"Hai un campo que tamén non deixamos atrás e este campo é preservar os nosos ecosistemas, preservar os nosos recursos mariños, preservar a nosa biodiversidade", continúa Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
A boia fondeada de novo fronte á costa de Ribeira recibiu esta mañá a visita das conselleiras, que quixeron agradecer o intenso labor dos investigadores galegos que colaboran co Observatorio Costeiro.