A borrasca Irene sopra en Ons a 148 km/h
A borrasca Irene sopra en Ons a 148 km/h
Outros valores salientables son os de Vimianzo,144 km/h, Carballeda de Valdeorras, 139 km/h, e Cuntis, 119 km/h
Os servizos de emerxencias non rexistran incidencias significativas, máis aló dalgún desprendemento ou retirada de árbores, sen feridos
A borrasca Irene déixase sentir en todo o país nas últimas horas con intensa choiva e forte refachos de vento.
Segundo Meteogalicia, o refacho de maior intensidade rexistrouse na illa de Ons a 148 km/h, na estación situada a 121 metros de altitude. Outros valores salientables son os de Vimianzo,144 km/h, Carballeda de Valdeorras, 139 km/h, e Cuntis, 119 km/h. Tamén se superaron os 100 km/h tamén en Cabeza de Manzaneda.
Temperaturas altas e chuvia intensa
Este vento sopra do sur, o que elevou considerablemente os termómetros en toda Galicia e deixou temperaturas inusualmente elevadas para a época do ano. En Ribadeo e na Coruña superáronse os 18 graos esta noite pasada. A ese valor tamén se achegaron no concello de Cariño. En Navia de Suarna, en Lugo, achegáronse aos 13 graos.
Por outra banda, nas últimas horas rexistráronse choivas de ata 25 litros por metro cadrado en Santiago de Compostela e 21,2 litros na Serra do Faro, en Rodeiro (Pontevedra).
Sen incidencias graves
Con todo, os servizos de Emerxencia non notificaron incidencias graves este mércores debidas ao mal tempo. Os bombeiros de Vigo tiveron que acudir na tarde do martes para retirar unhas chapas dun edificio na rúa Travesía de Vigo e algúns elementos de mobiliario urbano e iluminación do Nadal que estaban en risco de caer á rúa, aínda que a madrugada dese mércores foi "tranquila".
Do mesmo xeito, os bombeiros da Coruña non tiveron actuacións relacionadas co temporal nas últimas horas, salvo unha saída, ao mediodía do martes, para asegurar uns carteis que se moveron co vento en Cantón Grande.
Os bombeiros de Santiago acudiron de madrugada retirar estes de unha cuberta de uralita e a limpar na Rúa Nova de Abaixo, tamén retirar restos tras o desprendemento de parte dunha galería na avenida de Barcelona e cortar unha árbore caída na rúa Roma. Así mesmo, á primeira hora acudiron cortar varias árbores á Sionlla de Arriba, Zaramacedo e á rúa Cotón.
Os bombeiros de Ourense e de Lugo non reportaron intervencións relacionadas co temporal, nin tampouco o CIAE 112 Galicia, que limita as incidencias a retirada dalgunhas pólas, carteis ou cables en diferentes vías, sen maiores consecuencias.