Publicador de contidos
Publicador de contidos

Kirk deixa máis de 500 incidencias, problemas no transporte e anegamentos

Kirk deixa máis de 500 incidencias, problemas no transporte e anegamentos

A maioría de incidencias están vencelladas coa caída de árbores e o rebordamento de ríos

O refacho máximo de vento rexistrouse en Carballeda de Valdeorras, 181 km/h, houbo ondas de ata dez metros de altura e as acumulacións de auga superan os 200 litros por metro cadrado

Sigue a evolución do temporal a través das cámaras web situadas en diferentes puntos do país

Na foto, árbore caída en Santiago (EFE). Sinal en directo da DTX na Coruña.
G24.gal 09/10/2024 10:36 Última actualización 09/10/2024 16:32

O paso dunha borrasca asociada ao xa pasado furacán Kirk deixou un regueiro de incidencias por toda Galicia, máis de medio milleiro, principalmente na costa atlántica, con refachos de ata 181 quilómetros por hora, como a rexistrada esta mañá en Carballeda de Valdeorras e moitísima choiva, máis de 200 litros por metro cadrado en Rois ou Lousame. 

A maioría das incidencias, 565 ata o mediodía, teñen que ver con pequenos desbordamentos, desprendementos de rocas e terra e caída de árbores e ramas sobre as vías e en contornas urbanas, que dificultaron puntualmente a circulación tanto de vehículos como de trens, que acumularon algúns atrasos.

Tamén se produciron desvíos de voos e a caída de ramas sobre o tendido eléctrico deixou sen luz a varios miles de cidadáns durante horas.

Un dos maiores problemas produciuse a primeira hora deste mércores, cando a choiva aumentou con intensidade sobre a comunidade, especialmente entre as 8 e as 9 horas, coincidindo cos desprazamentos ao traballo e a entrada aos colexios, xa que as autoridades educativas non suspenderon as clases, aínda que si as actividades ao aire libre.

O director xeral de Emerxencias da Xunta, Santiago Villanueva, insistiu en pedir precaución á poboación, non achegarse a lugares de costa e vixiar a caída de obxectos, entre outras medidas de seguridade.

Destacaron as intervencións relacionadas co desprendemento e derruba de estruturas. En concreto, en Porto do Son e en Santiago de Compostela, onde caeron unha parede dun pavillón deportivo dun centro educativo e a cuberta do conservatorio de música, respectivamente.

Muro do pavillón derrubada nun colexio de Porto do Son (EFE / Xurxo Martínez).

As marcas de Kirk esténdense por toda a comarca de Santiago, con tellados que voaron como follas de papel e bloques de formigón que caeron como fichas de dominó. 

Ao longo de toda a mañá viviuse un auténtico caos de tráfico pola caída de árbores nas estradas. No campus universitario a foto era a de coches esmagados polas árbores. E operarios de Protección Civil traballando arreo. 

Tellado do conservatorio de Santiago (EFE).

No corredor Brión-Noia estivo cortado un carril boa parte da mañá por un desprendemento á altura de Lousame. Houbo que traballar desde primeira hora para poder restablecer o tráfico cara ao mediodía. 

O río Sar desbordouse e está a provocar inundacións en Padrón e Rois, onde se acumulan máis de 180 litros por metro cadrado. Na Serra de Outes inundouse a planta baixa do colexio e houbo que suspender as clases. 

Ao seu paso, Kirk arrasou con decenas de árbores nos arredores e no centro das cidades de Pontevedre e Vigo. Algunhas estradas quedaron cortadas ao tráfico e tamén caeron en parques e alamedas, noutros casos sobre vehículos aparcados na rúa. 

No paseo de Granada, unha árbore caeu sobre dous vehículos, provocando danos materiais. Na rúa Falcoido, outra árbore obrigou a cortar un carril de circulación e o mesmo ocorreu no Castro, a carón do Conservatorio, onde unha muller quedou ferida leve tras caerlle encima a copa dunha árbore. 

A muller, de 25 anos, foi atendida polos sanitarios, pero non necesitou ser trasladada a un centro hospitalario, segundo explica a Policía Local nun comunicado.

Cae tellado provisional do parque de bombeiros de Vigo (EFE).

Os refachos de vento tiraron con valos publicitarios e tamén saíron voando as pranchas dos tellados dalgúns edificios. 

Anegáronse varias estradas de acceso a Vigo, a intensa chuvia coincidiu coa preamar e deixaba esta imaxe nun dos carrís da autovía de Marín. A auga tamén entrou no pavillón da Raña, en Marín, causando distintos estragos no interior...

Estrada cortada en Marín. Estrada cortada en Marín.

Circular pola rede viaria galega baixo os efectos da profunda borrasca foi por momentos complicados. Os efectos de Kirk coincidiron co horario de entrada aos centros de traballo e dos colexios Houbo atascos de tráfico nos accesos á Coruña, Santiago e Vigo.

As incidencias obrigaron a suspender as clases en colexios do Grove, Pontecesures e Outes. Ademais a Comisión Escolar de Alertas mantén suspendidas todas as actividades ao aire libre nos centros educativos de Galicia...

Ríos rebordados: o Verdugo asolaga Ponte Caldelas e o Anllo, Moncelos, en Abadín

O rebordamento de ríos é outra das consecuencias que está a deixar a borrasca Kirk ao seu paso por Galicia.

O río Verdugo xa rebordou ao seu paso polo concello pontevedrés de Ponte Caldelas, asolagando parques e estradas próximas ao caudal do río.

Alí, a subida da auga obrigou a desaloxar a praza de abastos, o rexistro da propiedade e o centro sociocultural; todos eles edificios situados na marxe do Verdugo.

Por contra, ningunha casa tivo que ser evacuada, algo que si ocorreu no municipio coruñés de Padrón, onde o rebordamento do río Sar obrigou a desaloxar a veciños de varias vivendas nas parroquias de Pazos, Vigo ou Estramundi.

Así o trasladou o alcalde padronés. Anxo Rei comentou que algunhas casas chegaron a acumular ata 20 centímetros de auga.

Os peores momentos coincidiron coa preamar, ás 11:00 horas, polo que espera que, unido ao relaxamento das precipitacións, o nivel da auga vaia baixando ao longo da xornada.

 Tamén houbo rebordamentos en Rois, un dos concellos onde máis choveu. 

Ademais déronse problemas na aldea de Moncelos, no municipio lucense de Abadín. Alí, o río Anllo xa se desbordou á entrada da aldea, onde a auga afecta ás primeiras casas e celeiros da zona.

O río Miño, ao seu paso por Cospeito, corre o risco tamén de desbordarse.

En previsión da chegada de Kirk, a Xunta de Galicia activaba o sábado o Plan Inungal (Plan Especial de Protección Civil ante o risco de inundacións en Galicia) de seguimento sobre o nivel dos ríos debido a posibles desbordamentos puntuais nos seus cursos.

En foto, río Verdugo rebordado en Ponte Caldelas e en video rúa anegada en Outes.

En previsión da chegada de Kirk, a Xunta de Galicia activaba o sábado o Plan Inungal (Plan Especial de Protección Civil ante o risco de inundacións en Galicia) de seguimento sobre o nivel dos ríos debido a posibles desbordamentos puntuais nos seus cursos. Nestes momentos, continúa activo.

Afectación no transporte

Kirk afectou o tráfico ferroviario por mor das árbores que caeron sobre as vías e por problemas de tensión. Centos de pasaxeiros sufriron os atrasos, e algúns tiveron que facer parte da viaxe en autobús. 

A primeira hora da mañá unha árbore na vía ente Padrón e A Escravitude afectou tres rexionais, provocando atrasos de hora e media nalgún convoi en hora punta. O incidente quedaba solucionado ás 11:00.

O tráfico ferroviario no Eixo Atlántico parou por unha árbore na vía entre Redondela e Arcade e por problemas na tensión na liña de media distancia entre A Coruña e Vigo. Estes incidentes foron encadeando atrasos. De ata dúas horas entre Ourense e Vigo. 

Unha árbore na vía tamén parou o tren Celta que conecta con Portugal. E os viaxeiros entre Ferrol e A Coruña fixeron o traxecto en bus.

Non se librou a alta velocidade. Este AVE das 10 e media da mañá saía con case dúas horas de atraso de Santiago.

As conexións aéreas tamén se viron afectadas, concretamente voos con orixe-destino Peinador (Vigo) e Alvedro (A Coruña).

Air Europa cancelou este martes os voos entre Madrid e Vigo de primeira hora da mañá (6:40 e 10:40 horas) e os seus inversos, que despegaban ás 8:40 e 11:25 horas. Tampouco engalaron os voos entre Madrid e A Coruña (6:40 horas) e o inverso das 11:10 horas. A alternativa que se lles ofreceu a moitos dos afectados foi o traslado en autobús.

Tamén houbo voos que tiveron que regresar a Sevilla, Alacante ou Barcelona por non poderen aterrar na Lavacolla nin en Peinador.

Dos tres aeroportos galegos, o de Alvedro foi o primeiro en volver operar con normalidade.

Problemas cos voos en Peinador (TVG).

O transporte de ría entre Vigo e O Morrazo quedou suspendido desde a tarde de onte.

Más de 20.000 galegos afectados por cortes de luz

UFD, a distribuidora eléctrica de Naturgy, informou de que uns 23.000 galegos víronse afectados polos cortes na subministración eléctrica provocados pola borrasca Kirk nas últimas horas. 

Os municipios afectados foron Tomiño, Oia, Vigo, Vilaboa, Moaña, Marín, A Estrada e Gondomar en Pontevedra, Entrimo, Cartelle, San Cristovo de Cea, Ribadavia, Nogueira de Ramuín, en Ourense e Neda na Coruña.

Sinalan tamén que a maior parte destas incidencias estiveorn ocasionadas pola caída de árbores, ramas e cortizas sobre as liñas polo forte vento.

Os fortes refachos de vento tamén provocaron cortes de luz en diferentes puntos da xeografía galega, especialmente nas provincias de Pontevedra e A Coruña.

Como anécdota, o pleno do Parlamento de Galicia, en que a primeira hora o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, se sometía ás preguntas da oposición, comezou con atraso, xa que o vehículo oficial estivo retido por unha árbore caída sobre a vía na avenida de Lugo, en Santiago.

Ondas de ata dez metros

Nos portos galegos, a frota pesqueira permanece amarrada a porto. Imposible saír pescar ante as alertas no mar. A zona máis afectada é o litoral das Rías Baixas, onde ata a media mañá o aviso era vermello por fortes ventos e ondas de ata 10 metros. Un temporal que mantivo en alerta os mariñeiros, afanados agora en achicar a auga das súas embarcacións.

 

Hai aviso laranxa no mar na zona das Rías Baixas e A Costa da Morte. O forte temporal arrastrou ata a praia de Liméns, en Cangas,  un gran flotador utilizados para manter a flote as bateas.

Ante a mala situación no mar, as navieiras suspenderon o transporte marítimo ente Vigo e O Morrazo. Ás grandes ondas súmanse fortes ventos que nalgúns puntos das Rías Baixas xa superaron os 140 quilómetros por hora.

O aviso no mar é amarelo na costa da Mariña luguesa e tamén no noroeste da Coruña, onde tamén se cortou o acceso ás praias para evitar incidentes.

O vento cálido do sur e suroeste provocou, ademais, anomalías de temperaturas, como os 23 graos rexistrados ás 4:40 horas da madrugada en Ribadeo, na costa de Lugo, e con numerosas localidades por encima dos 20 graos e mínimas de 15 graos, o que unido á abundante choiva elevou a humidade e deixou sensación de bochorno.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade