A borrasca Kirk deixa máis de 1.300 incidencias en Galicia
A borrasca Kirk deixa máis de 1.300 incidencias en Galicia
O risco continúa á beira dunha ducia de ríos que están baixo vixilancia
O maior número de incidencias estivo relacionado coa caída de árbores e tendido eléctrico
A borrasca Kirk deixa en Galicia árbores caídas, avarías na subministración eléctrica e ríos desbordados.
O 112 Galicia contabilizou 1322 incidencias desde primeira hora do martes ata as 19:00 horas deste mércores.
A provincia máis afectada foi a de Pontevedra (732), seguida da Coruña (329).
Pola súa banda, nas áreas de Lugo e Ourense recolléronse 118 e 134 sucesos respectivamente.
A maior parte das intervencións tiveron que ver con árbores e pólas en estradas (791), con cables e postes de luz ou teléfono (166) e con prevención de risco (133).
En canto ás incidencias máis relevantes, é preciso mencionar a inundación da parte subterránea dunha casa en Ames, onde se chegaron a acumular uns 60 cm de auga.
Do mesmo xeito, noutras horas do día, os vehículos tamén sufriron as consecuencias do temporal: en Oleiros, unha árbore caeu sobre un coche, mentres que en Nigrán un poste de formigón aterrou sobre dous coches e parte dun camiño.
Ningunha persoa quedou ferida en ambos os casos. Tampouco houbo danos persoais nun accidente que sufriu o GES de Mugardos en Valdoviño, ata onde se desprazou por causa dunha árbore que interrompía a circulación pola estrada.
Por outra banda, recibiuse un aviso por unha árbore que cortaba totalmente a estrada en Begonte e impedía que un autobús escolar puidese achegarse a recoller os alumnos no colexio.
En Aranga, na Coruña, unha presa desbordouse e chegou a asolagar unha zona próxima, aínda que non houbo que lamentar danos persoais.
O vento guindou árbores, tellados, mobiliario urbano e estragou o polideportivo do instituto de Porto do Son, que quedará sen clases ata o luns.
Desbordamentos de ríos e locais comerciais e baixos anegados
O río Verdugo volveu rebordar ao seu paso por Ponte Caldelas. "Debe ser a terceira ou cuarta vez polo menos", conta un veciño. Outra recomenda "sobre todo non aparcar pola zona, senón igual acaba o coche no río".
A auga anegou o paseo fluvial, arrastrou colectores, entrou na praza de abastos, nunha gardería, no Rexistro Civil e na Casa da Cultura.
Pero a peor parte levouna o campo de fútbol do Chan da Barcia, reaberto hai tres semanas tras gastaren 300.000 euros para reparar os danos do ano pasado.
"Creo que o problema é a presa aí abaixo, o río sen limpar", explica unha veciña. "Hai pólas, hai árbores caídas, iso fai de contedor de lixo, e aí hai un problema", engade outra.
Tamén saíron do leito o río Traba, en Noia, o Té, en Rianxo, o Anllo, en Abadín, ou o Tins, en Serra de Outes, que anegou locais comerciais e obrigou a suspender as clases neste colexio. As chuvias foron especialmente torrenciais en Rois.
O peor de Kirk xa pasou, pero o risco continúa á beira dunha ducia de ríos que están baixo vixilancia.
José Antonio Argibay, técnico da Axencia Galega de Emerxencias, explicou: "Está activo o plan Inungal en fase de alerta e estanse testando tanto ríos da conca fluvial Miño-Sil como da Galicia Costa".
A chuvia obrigou a extremar as precaucións nas estradas. Foron frecuentes as balsas de auga. No corredor Brión-Noia, a sorte quixo que un desprendemento non alcanzase ningún vehículo. Estivo cortado desde primeira hora ata mediodía.
Os rexistros de precipitacións foron os das grandes ocasións: 120 litros por metro cadrado en Lousame ou 117 en Forcarei.
Cancelados once voos nos aeroportos galegos, onde houbo que desviar outros cinco
Kirk converteu nunha odisea os desprazamentos por estrada, en tren e en avión, sobre todo nas primeiras horas deste mércores.
Nos aeroportos galegos canceláronse once voos, seis en Vigo e cinco en Santiago, a maiores dos que algunhas compañías xa suspenderan pola previsión meteorolóxica.
Outros cinco voos tiveron que ser desviados. Non puideron aterrar nin na Lavacolla nin en Peinador polo vento e pola chuvia.
Tamén sufriron atrasos centos de pasaxeiros que viaxaban en tren. As demoras superaron a hora e media nalgunhas conexións e mesmo no AVE a Madrid.
A caída de árbores na vía cortou a circulación entre Padrón e A Escravitude e entre Redondela e Arcade. Na liña de media distancia entre A Coruña e Vigo interrompeuse a circulación por unha caída de tensión.
A circulación está interrompida no traxecto Ourense-Guillarei pola incidencia nunha catenaria.
Por una incidencia en la catenaria, provocada por condiciones meteorológicas adversas, se encuentra interrumpida la circulación entre Filgueira y Frieira, del trayecto Ourense-Guillarei.
— INFOAdif (@InfoAdif) October 9, 2024
Personal de Adif trabaja ya para solucionarla en el menor tiempo posible.
O caos nas estradas provocou colapsos nos accesos ás cidades de Santiago, A Coruña e Vigo, coincidindo co horario de entrada aos traballos e aos colexios.
A alerta no mar remata á medianoite
O peor do Kirk xa pasou, pero a situación está complicada aínda no mar. Hai aviso amarelo na Mariña de Lugo e laranxa no resto do litoral. Toda a frota permanece amarrada a porto e as navieiras que realizan o transporte marítimo entre Vigo e O Morrazo suspenderon as súas rutas.
O litoral das Rías Baixas recibiu de pleno o impacto da borrasca. Ata a media mañá estivo en aviso vermello, con ondas de ata dez metros e ventos moi fortes. O nivel baixou a laranxa e así estará ata a medianoite en todo o litoral galego agás na Mariña, onde o aviso é amarelo.
Toda a frota pesqueira está amarrada.
A forza do vento arrincou unha batea e arrastrou ata a praia de Liméns, en Cangas, un gran rolo que se usa para mantelas flotando.
O mar combinado obrigou as navieiras a suspenderen o transporte marítimo entre Vigo e O Morrazo. O acceso a moitas praias permanece pechado por precaución.
Kirk foi a primeira gran borrasca do outono. E a sabedoría popular aventura: "Como haxa chuvia antes de San Cosme imos ter un inverno duro".