Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Brilat asume o mando da misión española de apoio ao exército ucraíno

A Brilat asume o mando da misión española de apoio ao exército ucraíno

A brigada Galicia VII adestrará soldados de Ucraína en Pontevedra

A instrucción forma parte dunha iniciativa europea de axuda 

Imaxe de arquivo da Brilat Imaxe de arquivo da Brilat
G24.gal 07/06/2024 15:51 Última actualización 07/06/2024 16:15

A brigada Galicia VII (Brilat) asumiu o mando da misión española de apoio ás forzas armadas de Ucraína, substituíndo os integrantes da brigada Guzmán el Bueno X, con base en Córdoba.

A substitución, segundo informou o Ministerio de Defensa, levouse a cabo no cuartel Diego Poncelos de Burgos, sede do cuartel xeral do Toledo Training Coordination Center (TTCC), onde xa foron instruídos máis de 4.000 militares ucraínos.

A da Brilat será a cuarta rotación nesta misión e estará dirixida polo xeneral xefe da brigada galega, Alfonso Pardo de Santayana Galbis.

Durante o intercambio de guión entre ambas as brigadas, Pardo de Santayana destacou a importancia da "flexibilidade" nesta misión para "adaptarse ás necesidades das forzas armadas ucraínas para mellorar os procedementos na instrución".

Ademais, o xeneral aconsellou ao continxente entrante que aproveiten a experiencia en combate dos militares ucraínos para mellorar a instrución propia e de futuros módulos.

Durante os últimos seis meses, o TTCC-III da brigada Guzmán el Bueno X contribuíu á misión formando a case 1.500 militares ucraínos, en cursos impartidos por toda a xeografía nacional.

Entre eles, adestraron especialidades como formación básica de combate, plan de operacións, liderado, antiterrorismo, combate en zonas urbanas, loita contra artefactos explosivos improvisados, desminado, formación de zapadores ou atención médica en combate.

Os soldados ucraínos recibiron tamén formación en operadores do sistema de mísiles antiaéreos Hawk, mantemento de transporte eiruga acoirazado, técnicos xeoespaciais ou observadores avanzados de artillería.

A nova rotación afrontará un traballo similar, reiterando algúns dos módulos de instrución xa impartidos por rotacións anteriores, ou coordinando outros que acheguen novas capacidades segundo as necesidades das forzas armadas ucraínas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade