Publicador de contidos
Publicador de contidos

Desmantelada en Alxeciras unha rede que operaba con 'narcodróns' fabricados en Ucraína

Desmantelada en Alxeciras unha rede que operaba con 'narcodróns' fabricados en Ucraína

A organización introducía en España haxix procedente de Marrocos

Os artefactos teñen capacidade para transportar uns 10 quilos de haxix en cada voo

Axentes da Policía durante o operativo (Policía Nacional) Axentes da Policía durante o operativo (Policía Nacional)
G24.gal 28/11/2024 11:47

A Policía Nacional desarticulou en Alxeciras (Cádiz) unha organización que introducía en España haxix procedente de Marrocos utilizando 'narcodróns' fabricados de forma artesanal en Ucraína e que tiñan capacidade para portar paquetes duns 10 quilos de peso e cunha autonomía de máis de 50 quilómetros.

Tras unha investigación que se iniciou este ano, a Policía detivo na comarca gaditana do Campo de Xibraltar e en Marbella (Málaga) a dez persoas vinculadas con esta rede, sete das cales ingresaron xa en prisión.

Entre cinco e dez voos nunha noite

Dende que comezou a investigación, en xaneiro deste ano, a Policía estima que a organización introduciría ao redor dunha tonelada de haxix empregando este método. De feito, segundo explicaron os responsables da investigación, en días con condicións meteorolóxicas favorables poderían realizar de cinco a dez voos nunha noite.

A pesar dese volume de tráfico, os axentes só interviron 30 quilos de haxix que foran trasladados nunha desas viaxes.

O dron, coa droga na parte baixa da aeronave, era enviado desde Marrocos a unha zona rural de Alxeciras de difícil acceso, onde deixaba caer a mercadoría que posteriormente era recollida a pé por integrantes da organización.

Nesta operación foron detidas dez persoas de nacionalidades española, marroquí e ucraína, sete das cales xa ingresaron en prisión, tras ser postas ao dispor do Xulgado de Instrución número 5 de Alxeciras.

Practicáronse seis rexistros en Alxeciras e Marbella, nunha investigación que contou coa colaboración de Europol, así como coas autoridades policiais de Ucraína e Polonia, nos que foron intervidas tres aeronaves, unha delas en fase de construción, así como dispositivos para o seu control remoto, útiles para a súa reparación e importantes cantidades de diñeiro en efectivo.

Uso de medios non tripulados

O xefe da Comisaría de Alxeciras, Francisco Javier López Matesanz, destacou como novidade nesta operación o 'modus operandi' da rede, co emprego de drons de á fixa por primeira vez por parte das organizacións de narcotráfico da zona.

Trátase, ademais, de drons de fabricación artesanal, que non foron adquiridos no mercado ou subtraídos como se detectou en anteriores investigacións.

Non é a primeira vez que se detecta que os narcotraficantes usan drons para trasladar droga desde Marrocos a España, unha actividade que cobrou impulso co peche da fronteira terrestre entre Ceuta e Marrocos en marzo de 2020.

En febreiro de 2021, a Garda Civil e a Policía Nacional de Ceuta detiveron a catro persoas relacionadas con esta práctica tras unha investigación que se iniciara meses antes tras a localización dun dron con drogas que caeu nun monte de Ceuta.

Esa operación, denominada Rond-Hornet, era a primeira deste tipo que se desenvolvía en España, e permitiu interceptar 4 drons semiindustriais con capacidades de carga dende os 4 ata 25 quilogramos e outros 3 drons comerciais, que a organización empregaba para eses transportes de substancias estupefacientes entre Marrocos e Ceuta por vía aérea. 

O comisario principal da provincia de Cádiz da Policía Nacional, Francisco Javier Vidal, subliñou que levan unha serie de anos con operacións "moi brillantes" en materia de loita contra o narcotráfico, algo que fai ás bandas empregar métodos cada vez máis complexos. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade