Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno autoriza a STC aumentar o seu capital en Telefónica Madrid ao 9,97 % con condicións

O Goberno autoriza a STC aumentar o seu capital en Telefónica Madrid ao 9,97 % con condicións

O principal accionista da empresa é a Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), cun 10 %

G24.gal 28/11/2024 12:59

O Consello de Ministros aprobou este xoves, con condicións, que a operadora saudita de telecomunicacións STC incremente a súa participación no capital de Telefónica ata o 9,97 % dende o 4,9 % que posúe na actualidade, segundo anunciou o ministro de Economía Carlos Cuerpo.

STC, que comprou fai máis dun ano o 4,9 % das accións do operador, anunciou xa entón a súa intención de facerse co 9,9 % do capital da compañía, unha operación que requiría a autorización do Goberno dado que a actividade da teleco está relacionada coa defensa nacional.

Cuerpo afirmou hoxe que se fixaron "condicións para garantir esta operación" que a empresa saudita "aceptou de maneira voluntaria". Estas condicións, que non desvelou, están orientadas a que "se asegure o elemento estratéxico que é a compañía, a autonomía de Telefónica, se salvagarden os intereses nacionais e se protexa a infraestrutura crítica".

Ademais, sobre a posibilidade de que STC poida pedir un conselleiro en Telefónica, o ministro afirmou que esa decisión "corresponde á propia empresa", expresando a "prudencia" e "cautela" do Goberno neste asunto.

A Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) é o principal accionista de Telefónica, cun 10 %; seguido moi de preto por Criteria cun 9,9 %, pero que quere ampliar ao 10,02 %. Por detrás estarían, BBVA, que actualmente ten un 4,93 %; e BlackRock, cun 4,65.

Toma de posición adicional da SEPI

Sobre a posibilidade de que a SEPI incremente a súa participación en Telefónica, Cuerpo comentou que é "pronto para empezar a falar dunha toma de posición adicional" e apuntou que Telefónica está nun momento "óptimo" para seguir investindo nun sector que é estratéxico e vaticinou que, "cos socios que ten, será capaz de crecer en volume e mellorar de oportunidades en ámbitos xeográficos como pode ser Oriente Medio e para a adopción das últimas tecnoloxías".

Cando STC adquiriu o 4,9 % de Telefónica, comprou, á súa vez, instrumentos financeiros sobre un 5 %. Para alcanzar agora ese 9,97 % de participación na operadora deberá converter estes instrumentos financeiros en accións.

O ministro afirmou que a autorización da adquisición de accións por parte de STC veu precedida dunha "análise exhaustiva" das autoridades en base á lexislación vixente co obxectivo de "asegurar o interese nacional en materia de defensa e tamén ese elemento estratéxico que ten que ver coas infraestruturas de telecos e a importancia de Telefónica neste ámbito".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade