A calor provoca perdas económicas nas granxas de leite
A calor provoca perdas económicas nas granxas de leite
Cada vaca pode producir ata catro litros menos diariamente
Deseño das naves, rega e ventilación son as solucións
Malia non ser dos lugares máis calorosos de Galicia, na Pastoriza xa levan veráns sufrindo vagas de altas temperaturas. Nun concello que vive das súas máis de 15.000 vacas, é imprescindible adaptar as naves para que a temperatura afecte o menos posible os animais. Así, o deseño, os ventiladores ou o regado son esenciais.
"A calor fai que baixe a produción e logo custa moito recuperala. Depende dos graos pero poden perder ata máis de 3 litros se non facemos nada. Todo depende do benestar do animal", explica Antón Chaín, gandeiro.
Cunha baixada de tres litros por vaca por causa da calor, nunha granxa coma esta con 200 animais que se moxen diariamente as perdas económicas poden ser de ata 300 euros diarios. Ademais, a calor afecta a saúde das vacas e pode influír nos ciclos do parto.
"A vaca ten que estar deitada. Se ten calor móvese para buscar refresco. Aquí temos un sistema de ventilación natural e imos meter rego por aspersión."
O impacto que a calor ten nas vacas é similar noutras especies estabuladas coma porcos, polos ou coellos.