A Casa Branca aproba, sen pasar polo Congreso, unha nova venda de armas a Israel
A Casa Branca aproba, sen pasar polo Congreso, unha nova venda de armas a Israel
Blinken autorizou a venda de mechas, cargas e outros elementos para facer funcionar proxectís de 155 milímetros
O Goberno estadounidense aprobou este venres a venda de armamento a Israel por un valor de 147,5 millóns de dólares, a segunda vez este mes que a Administración do demócrata Joe Biden dá o visto e prace a unha transferencia militar ao país en guerra sen pasar polo Congreso.
En concreto, o secretario de Estado, Antony Blinken, autorizou a venda de mechas, cargas e outros elementos necesarios para facer funcionar os proxectís de 155 milímetros adquiridos previamente polo Goberno de Benjamin Netanyahu.
"Dada a urxencia das necesidades defensivas de Israel, o secretario notificoulle ao Congreso que utilizou a súa autoridade delegada para determinar que existía unha emerxencia que requiría a aprobación inmediata da transferencia", explicou á prensa un portavoz da oficina.
Esta cualificación de "emerxencia" supón que a venda non está suxeita á aprobación dos lexisladores, como adoita ser habitual nos casos de transferencias de armamento a países estranxeiros.
O pasado 9 de decembro, Blinken tomou unha decisión similar para autorizar a venda dos proxectís de 155 milímetros.
O Goberno estadounidense leva meses pedíndolle ao Congreso que aprobe un paquete de axuda militar que inclúa 61.000 millóns de dólares para Ucraína e uns 15.000 millóns para Israel.
Vítimas civís
Malia todo, a Casa Branca ten unha postura cada vez máis crítica respecto á abafadora cantidade de vítimas civís do conflito entre Israel e Hamas na Franxa de Gaza.
Más de 21.000 persoas morreron no enclave palestino desde que comezou a guerra, o pasado 7 de outubro, tras o ataque sorpresa do grupo islamita contra Israel, segundo datos das autoridades gazatís.