A OCU cifra en 36 euros a suba da factura da compra no que queda de ano
A OCU cifra en 36 euros a suba da factura da compra no que queda de ano
A cesta da compra recupera en outubro o IVE dos alimentos máis básicos
O prezo dos alimentos subiu máis dun 35 % nos últimos tres anos. Os datos apuntan a unha inflación máis contida nos últimos meses.
"A inflación sitúase en mínimos desde hai tres anos. O mesmo sucede coa inflación subxacente e tamén cando observamos os prezos da cesta básica de consumo que caeu un 3,2 % no último ano", explica María Cadaval, profesora de Economía Aplicada da Universidade de Santiago.
Pero os consumidores non o notan á hora de encher o carro da compra. Este mes de outubro os produtos máis básicos da dieta das familias coma o pan, os ovos, a froita ou o aceite de oliva recuperan o IVE que se eliminara dentro do paquete de medidas anticrise posto en marcha polo Goberno. No caso da pasta ou o aceite de xirasol a suba é algo maior, un 2,5 %. E co inicio do ano haberá unha nova actualización.
"Agárdase que o traslado ao consumidor final sexa relativamente moderado. E aínda que teña impacto na evolución do índice de prezos ao consumo sexa moi contido", analiza a profesora Cadaval.
Desde a Asociación de Consumidores e Usuarios botan contas e cifran a suba nuns 36 euros no que queda de ano.
"A aplicación do IVE aos produtos aos que se lles retirara é unha medida prematura porque os fogares aínda non recuperaron a súa capacidade económica".
E piden mesmo que se amplíe o número de alimentos considerados como básicos á carne e o peixe.