A chantaxe do decreto ómnibus, por Maite Cancelo
OPINIÓN
A chantaxe do decreto ómnibus, por Maite Cancelo
O goberno presentou esta semana no congreso dos deputados un macro-decreto económico, o chamado decreto ómnibus, que mesturaba cuestións diversas e variadas, sendo un caixón de xastre de medidas económicas que se presentou co obxectivo de ter o voto favorable dunha maioría dos deputados.
O problema foi que nin todos os seus socios de investidura deron o voto á proposta, xa que Junts, por cuestións alleas ás expostas no decreto (como a transferencia de competencias a Cataluña en materia de inmigración, entre outras), votaron en contra, do mesmo xeito que outros partidos da cámara, polo que o decreto non saíu adiante.
O goberno bota a culpa ao PP de cuestións como a non aprobación da subida das pensións, que tamén ía no paquete, pero realmente non houbo negociacións con este partido e as establecidas en Waterloo non tiveron o efecto desexado. O incrible é culpabilizar un partido que non comparte todas as medidas recollidas no decreto, polo que, se realmente, quixesen o seu apoio no Congreso, a proposta realizouse, polo menos, por bloques. No paquete mestúranse cuestións como o transporte público coa revalorización das pensións ou do SMI, pero tamén a entrega ao PNV da sede parisiense do Instituto Cervantes, pois, como para apoialo.
De feito, o PP si que votou a favor do decreto que reforma o sistema de pensións con cambios na xubilación activa ou na parcial.
Doutra banda, tamén decaeu o decreto que expuña gravar as compañías enerxéticas como esixían os partidos de esquerdas. Neste caso, o PNV uniuse ao voto negativo.
En que nos afecta a non aprobación do decreto?
A revalorización das pensións (2,8 %) pero tamén a subida das máis baixas, fixadas entre o 6 % e o 9 %, e as pensións non contributivas ou o Ingreso Mínimo Vital (9 %). Pero o PP xa rexistrou unha proposición de lei para revalorizalas, co que as pensións si que se poderían salvar.
Subida das cotizacións, incluída a do Mecanismo de Equidade Interxeracional (ao 0,8 %), que non implica unha mellora da pensión futura, xa que irán ao Fondo de Reserva para o pago das pensións destas próximas décadas.
As axudas ao transporte, que estaban prorrogadas, tamén caen, pero hai comunidades autónomas e concellos que xa anunciaron que as manterán, asumindo o seu custo.
O SMI quedará en 1.080 euros. Esta prórroga incluíase ante a falta de acordo entre os axentes sociais e o Ministerio de Traballo.
O bono social da factura da luz, cuxa prórroga tamén queda suspendida e nun ano no que o IVE volve ao 21 %, en lugar do 10 % que viñemos gozando e que se aplicaba ás familias máis vulnerables.
As axudas ás vítimas da DINA ou as da Palma tamén quedaron sen aprobar e podíanse presentar cun decreto específico, do mesmo xeito que outras moitas das medidas.
Hai máis medidas, maioritariamente fiscais, aínda que tamén se incluían as que defendían aos ocupas e inquiocupas, que non se podían desaloxar se se consideraban vulnerables.
En definitiva, falamos dun decretazo con medidas que podemos compartir, pero outras moi intervencionistas e cargadas de ideoloxía, que non foron aprobadas pola debilidade do goberno de Sánchez e non polo non apoio do PP. O decreto disfraza unha especie de chantaxe: ou se aproban todas, ou temos culpables de que, por exemplo, as pensións non se revalorizaron. De feito, esta fórmula lexislativa resta debate e posibilidade de emendas ou de acordos parciais, polo que foi un despropósito total.