A chegada dunha nova fronte a Galicia activa varios avisos por temporal
A chegada dunha nova fronte a Galicia activa varios avisos por temporal
A Xunta mantén activo o Plan Inungal ante o risco de inundacións, con máis dunha decena de ríos e sete rías en seguimento
A cota de neve baixa ata os 900 metros e as temperaturas mínimas subirán lixeiramente
A chegada dunha nova fronte a Galicia intensifica o vento do suroeste, con intervalos de forza oito no mar, e activa para este luns aviso por temporal costeiro.
Segundo Meteogalicia, as Rías Baixas estarán en aviso amarelo por vento no mar, de forza sete e con posibilidade de alcanzar forza oito, e, desde o mediodía do luns ás 12:00 do martes, por ondas de catro a cinco metros.
Todo o litoral da Coruña alcanzará o aviso laranxa por refachos de forza oito e a Costa da Morte o amarelo por ondas de cinco a seis metros.
A Mariña lucense establecerá o aviso amarelo por vento no mar e por temporal costeiro. Nesta zona agárdanse refachos por riba dos 80 km/h.
Control dos ríos
As choivas dos últimos días manteñen activo o Plan Especial ante o Risco de Inundacións de Galicia (Inungal) que nestes momentos se aplica en máis dunha decena de ríos e en sete rías.
En concreto, atópanse en seguimento os ríos Landro e Ouro (Viveiro e Foz), Covo (Cervo), Mera (Ortigueira), Xubia (San Sadurniño), Eume (As Pontes), Mandeo (Aranga), Mendo (Betanzos), Anllóns (Ponteceso), Ulla, Furelos (Santiso), Verdugo, Oitaven (Soutomaior), Labrada (Fraga), Ladra (Insua, Begonte), Neira (O Páramo), Miño (A Peroxa) e o Arnoia (Baños de Molgas).
As rías baixo control son: Cedeira, Santa Marta de Ortigueira, Betanzos, A Coruña, Arousa, Vigo e Baiona.
Baixa a cota de neve
A cota de neve baixa ata os 900 metros, as temperaturas mínimas subirán lixeiramente e as baixas non terán uns cambios significativos.