A China abre unha investigación sobre as barreiras comerciais impostas pola UE
A China abre unha investigación sobre as barreiras comerciais impostas pola UE
Analizará o impacto das medidas da UE en sectores específicos como o ferroviario, a enerxía fotovoltaica, a enerxía eólica e os equipos de inspección de seguridade
O Ministerio de Comercio da China anunciou este mércores o inicio dunha investigación formal sobre as barreiras comerciais impostas pola Unión Europea (UE) ás empresas chinesas.
A investigación, que se estenderá ata o 10 de xaneiro de 2025 (con posibilidade de ampliala ata abril dese ano), centrarase nas prácticas da UE nas súas investigacións sobre empresas chinesas baixo o regulamento sobre subvencións estranxeiras que distorsionan o mercado interno da Unión Europea e as súas regras de implantación.
O comunicado, publicado hoxe pola carteira comercial, destaca que a investigación examinará en detalle o impacto das medidas da UE en sectores específicos como o ferroviario, a enerxía fotovoltaica, a enerxía eólica e os equipos de inspección de seguridade.
As autoridades chinesas utilizarán diversos métodos para recompilar información, incluíndo cuestionarios, audiencias públicas e inspeccións in situ.
O Ministerio de Comercio habilitou canles para que as partes interesadas presenten comentarios e accedan a información relevante sobre a investigación, establecendo un prazo de vinte días para a presentación de comentarios iniciais.
Esta decisión prodúcese en resposta á recente aplicación de aranceis compensatorios por parte da UE aos vehículos eléctricos chineses, unha medida que o xigante asiático considera inxustificada e proteccionista.
A portavoz da chancelería chinesa, Mao Ning, expresou a semana pasada a "enérxica oposición" de Pequín aos aranceis provisionais da Unión Europea (UE) aos vehículos procedentes do xigante asiático, que entraron en vigor o 5 de xullo, e declarou nunha conferencia de prensa que "as cuestións comerciais deberían resolverse mediante o diálogo e as consultas".
Dado que faltan catro meses para que os aranceis entren en vigor de forma definitiva, Pequín espera que o bloque dea marcha atrás, para o que elevou a presión comercial.
Nas últimas semanas, as autoridades chinesas contraatacaron cunha investigación á produción de carne porco en Europa -que afecta especialmente a España, o seu principal subministrador, e por suposto tamén aos produtores galegos- e avanzando aranceis a vehículos de gran cilindrada ou pescudas antidumping a produtos lácteos procedentes do bloque comunitario.