Publicador de contidos
Publicador de contidos

A chuvia ameaza a campaña do cereal de primavera na Limia

A chuvia ameaza a campaña do cereal de primavera na Limia

Xa perderon o 95 % da campaña de inverno

As perdas poderían superar os 10 millóns de euros

G24.gal 15/03/2024 13:12

Completamente anegados. Así é o como están a hoxe os terreos da comarca da Limia. Os agricultores están preocupados. Lembran que a chuvia xa estragou o 95 % do cereal de inverno. Agora terían que estar sementando o de primavera, pero na meirande parte das parcelas aínda non poden; nalgunhas hai ata medio metro de auga.

Andrés López, agricultor da zona, asegura que non poderán comezar a sementar o cereal de primavera "ata dentro de vinte días como mínimo".

Din que este ano as perdas serán millonarias. Servando Álvarez, técnico do instituto ourensán de desenvolvemento económico, di que "se partimos dos 40 millóns de quilos da campaña pasada e asignándolle un prezo medio de 25 céntimos estariamos falando de 10 millóns de euros de perda na comarca".

Reclaman solucións para salvar unha campaña que xa cualifican de nefasta. Propoñen que este ano non teñan que rotar cultivos, medida obrigatoria para cobrar a PAC.

Amador Díaz, responsable de Unións Agrarias de Xinzo, di que as dificultades ás que se enfrontan "non van permitir facer a rotación de cultivos", de aí que demanden máis flexibilidade para sementar agora os cereais de primavera.

Tamén reclaman seguros adaptados á realidade galega. Din que están deseñados de acordo aos rendementos de Castela; isto implica que o 80 % da súa produción non está cuberta.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade