Publicador de contidos

Publicador de contidos

Galicia, pioneira mundial no cultivo interior de lúpulo

Galicia, pioneira mundial no cultivo interior de lúpulo

O cambio climático ameaza o cultivo en campo das variedades que dan máis aroma ás cervexas

Na planta piloto de Chantada cultívanas nun ambiente controlado, sen terra e con 15 veces menos auga

 

G24.gal 06/03/2025 12:56

A cervexa, tal e como a coñecemos, está en apuros. O ingrediente que lle dá máis personalidade, o lúpulo, é un dos cultivos máis sensibles ao cambio climático. Así que estes investigadores decidiron saír ao rescate buscando a fórmula para producilo en interiores.

"Sempre dicimos en broma que imos salvar a cervexa no planeta. En realidade, coa validación desta tecnoloxía, o que preservaremos e a variedade e a unicidade de cada marca de cervexa, que non teña que cambiar a receita porque esas variedades xa non se poden cultivar no exterior", explica Inés Sagrario, CEO e cofundadora da empresa de agrotecnoloxía Ekonoke.

Estas plantas están listas para a colleita e o seu aspecto é prometedor. Na forma e no sabor, din, custa distinguilo do lúpulo tradicional. Coa diferenza de que este medrou sen terra, sen pesticidas e nun ambiente controlado.

"Controlamos a temperatura, a humidade, o nivel de CO2, e tamén a fórmula nutritiva e a luminosa: cambiamos horas de luz, intensidade e lonxitude de ondas", engade Inés Sagrario.

Para alimentar o lúpulo usan esta especie de cociña desde a que lanzan os nutrientes necesarios para obter unha colleita nova cada tres meses. 

"É unha agricultura moi tecnificada, logramos reducir o uso de auga ata 15 veces con respecto ao campo e logramos tres e ata catro colleitas ao ano, logrando producir un 30 % máis ca no exterior", di Julen Equiza, o responsable do cultivo.

O proxecto naceu nun laboratorio de Madrid, pero axiña chamou a atención da corporación Hijos de Rivera que fixo posible a posta en marcha da planta piloto en Chantada. 

"Chantada está hoxe no mapa cervexeiro mundial. Ata este pequeno concello de Lugo veñen expertos de Alemaña, os Estados Unidos, Asia, non hai nada igual no mundo", incide a cofundadora de Ekonoke.

Agora toca validar o método e os seus custos, e se todo sae ben levarano á escala industrial. Mentres, este lúpulo de interiores xa se pode probar embotellado nunha cervexa de edición limitada para os padais máis curiosos. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade