Hijos de Rivera pecha 2023 cun beneficio neto de 107 millóns de euros, un 27,8 % máis
Hijos de Rivera pecha 2023 cun beneficio neto de 107 millóns de euros, un 27,8 % máis
No segundo cuadrimestre deste ano a corporación prevé abrir a nova fábrica de Estrella Galicia en Morás (Arteixo)
O presidente, Ignacio Rivera, desbota de momento a saída a bolsa da compañía e di que o obxectivo é "chegar aos mil millóns de euros de facturación”
A Corporación Hijos de Rivera pechou 2023 cun beneficio despois de impostos de 107 millóns de euros, un 27,8 % máis que en 2022.
Asegurouno o presidente da Corporación na presentación de resultados de 2023, que se celebrou este mércores no Museo de Estrella Galicia (MEGA) na Coruña.
Ignacio Rivera, detallou que a compañía chegou aos 829 millóns de euros de facturación, un 14,5 % máis que o ano anterior, polo que se achega ao “soño” de alcanzar os mil millóns de euros.
E cifrou o volume de vendas en “520 millóns de litros de cervexa”, un 5,3 % máis que en 2022, e “230 millóns de litros de auga”, o que supón un crecemento do 5,5 %.
Tamén se bateu “un récord” no número de traballadores, con 1.809 empregados, 200 máis que o ano pasado. Deles, un 94 % son contratos indefinidos”.
As obras da fábrica de Morás están "avanzando moitísimo" e estará operativa no verán
Na presentación dos resultados da compañía, o presidente da Corporación Hijos de Rivera, Ignacio Rivera, anunciou que a fábrica que Estrella Galicia está a levantar no polígono de Morás en Arteixo (A Coruña) estará operativa "no segundo cuadrimestre do ano".
Rivera indicou que se está "avanzando moitísimo" na construción desta planta, na que "xa se están facendo probas serias para que entre en funcionamento".
Apuntou que a fábrica, feita "en tempo récord", "xa está levantada" polo que se poderá "elaborar cervexa aí" no "segundo cuadrimestre do ano" aínda que a inauguración non será "ata final de ano ou o ano que vén".
Detallou que, ao principio, terá capacidade para elaborar "100 millóns de litros" de cervexa aínda que "o cocemento xa está instalado para uns 400 millóns de litros". "O soño é roldar os mil millóns de litros", anunciou.
A saída a bolsa non está aínda entre os plans da corporación
Ignacio Rivera explicou que a Corporación avanzou “moito” na “internacionalización" da compañía con alianzas con Reino Unido, Alemaña ou Brasil. A empresa está presente en 73 países e a cota de mercado creceu un 0,7 %”.
Ao preguntarlle por unha posible saída a bolsa, o presidente descartouna porque agora a empresa céntrase “no reto de chegar aos mil millóns de euros de facturación” e en “seguir crecendo internacionalmente”.
Neste primeiro cuadrimestre, Ignacio Rivera viu que o sector cervexeiro “está tranquilo”. Agora están pendentes “do verán, que é fundamental”. Afróntano “con boas expectativas” xa que “a Semana Santa foi moi boa” e iso permítelles “avanzar solidamente".
Para 2025, o presidente da Corporación prevé “un ano complicado”: “Vai pegar unha amortización importante”, concluíu.