A chuvia e o vento que afectaron tamén o interior de Galicia remiten este mércores
A chuvia e o vento que afectaron tamén o interior de Galicia remiten este mércores
A última hora do xoves entra unha vaga de frío polar
Santa Comba foi o concello que rexistrou máis precicipitacións de toda Galicia durante este martes.
Ás sete da tarde xa acumularan máis de 88 litros por metro cadrado.
"Si, hoxe choveu moito", dicían dúas arxentinas que aproveitaron unha escampada para saíren dar unha volta por Santa Comba. Unha veciña quéixase de que a chuvia é moi aburrida mentres que outros din que hai que saír igual para pasar o tempo. A nota positiva póñena uns turistas, para os que a chuvia galega resulta especialmente fermosa.
En Lousame acumularon máis de 86 litros e en Noia máis de 85. Na provincia de Pontevedra, onde máis choveu foi en Forcarei, con 68 litros e Fornelos con 53. Cuntis e Ponte Caldelas chegaron aos 51 litros por metro cadrado.
En Caldas de Reis un veciño dicíanos este martes que están de auga "ata arriba" mentres que outro se consolaba pensando que así no verán estará todo verde.
Pois este foi un día tamén de moito vento no interior. No concello da Veiga, en Ourense, rexistráronse refachos de máis de 88 km por hora e en Portomarín, na provincia de Lugo, o vento chegou aos 84 quilómetros por hora.
"O vento non é bo para os tellados, quéixase un home de Caldas. Mentres que outra veciña agradece a boa temperatura.
Si, as temperaturas son altas. Pero iso cambiará en poucas horas. Este mércores teremos un día húmido, nubrado e con algunhas chuvias no Atlántico. Pero vaian sacando os abrigos porque nas últimas horas do xoves entrará unha vaga de frío polar.