Publicador de contidos
Publicador de contidos

A cidadanía mobilízase en varios países para esixir xustiza climática

A cidadanía mobilízase en varios países para esixir xustiza climática

A protesta principal rexistrouse en Sharm el Sheikh, a cidade exipcia onde se está a celebrar a COP27

Protesta no marco do cume do clima que se celebra en Sharm el Sheij Protesta no marco do cume do clima que se celebra en Sharm el Sheij
G24.gal 12/11/2022 21:09 Última actualización 12/11/2022 22:46

Milleiros de persoas manifestáronse este sábado en diversos países do mundo para pedir xustiza climática e enerxética, así como a protección dos dereitos humanos. A principal mobilización tivo lugar en Exipto, na cidade de Sharm el Sheikh, onde se celebra estes días o Cume do Clima (COP27).

Máis de 500 activistas, segundo estiman as organizacións ecoloxistas, marcharon polo interior do recinto onde se está a celebrar o encontro internacional, tras un "consenso maioritario" da sociedade civil de non empregar o espazo habilitado pola presidencia exipcia para as protestas.

"Estamos moi limitados en canto á liberdade de expresión polas guías que establece a ONU para protestar dentro da zona oficial do cume, normas que, por exemplo, impiden sinalar gobernos específicos", asegura Pablo Chamorro, coordinador de mobilizacións de Greenpeace.

As regras non difiren das que establece normalmente a UNFCCC -a Convención Marco da ONU sobre Cambio Climático- para as protestas dentro dun cume do clima, matiza, pero o habitual é que as mobilizacións ocorran na rúa, de xeito que os activistas poidan reclamar o que consideren.

As ONG esixen compromisos de financiamento para reparar os danos e as perdas ocasionadas polos impactos climáticos, e manter o obxectivo de non superar o grao e medio de quecemento do planeta.

Manifestación en Madrid Manifestación en Madrid

Mobilizacións en España

En España, milleiros de persoas uniron as súas voces e manifestáronse nunha vintena de cidades co obxectivo de esixir "accións reais" para alcanzar a xustiza climática e enerxética.

A mobilización de Madrid congregou máis de 5.000 persoas, segundo os organizadores, e un milleiro, de acordo cos datos da Delegación do Goberno.

A Coruña, Xixón, Bilbao, Logroño, Pamplona, Zaragoza, Valencia, Murcia, Córdoba ou Granada tamén se uniron á causa a través de concentracións ou pedaladas reivindicativas, entre outras iniciativas.

Protesta en Alemaña Protesta en Alemaña

Demolición do pobo de Lützerath

Tamén houbo accións de protesta en Alemaña, onde uns 2.200 activistas ambientais protestaron contra a demolición prevista da vila de Lützerath para proceder á explotación dunha mina de lignito ao descuberto no land alemán de Renania do Norte-Westfalia, o máis poboado do país.

Esixiron que se reformule o acordo alcanzado entre os poderes locais e o consorcio enerxético, autorizado polo goberno rexional e o federal, que implicará a desaparición desta localidade.

A convocatoria foi apoiada por organizacións como Fridays for Future, Greenpeace e outros movementos contra o cambio climático, dentro do chamado Día de Acción Global e coincidindo coa celebración en Exipto da COP27.

Mobilización en Australia Mobilización en Australia
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade