Publicador de contidos
Publicador de contidos

Multitudinaria concentración en Santiago denuncia a "emerxencia extrema" que vive o galego

Multitudinaria concentración en Santiago denuncia a "emerxencia extrema" que vive o galego

Baixo o lema "Unámonos polo galego", milleiros de persoas reclamaron un cambio de rumbo do uso social da lingua galega no país

Entre os asistents estiveron a dirixente do BNG, Ana Pontón, e o líder dos socialistas galegos, Xosé Ramón Gómez Besteiro

 

Concentración en defensa do galego na Praza da Quintana, Santiago, este domingo
G24.gal 17/11/2024 13:09 Última actualización 17/11/2024 14:44

A plataforma "Queremos Galego" logrou convocar este domingo en Compostela millleiros de persoas para poñer de manifesto a situación de "emerxencia lingüística extrema" que atravesa o galego e a súa perda de espazo como lingua de comunicación habitual en Galicia.

Baixo o lema da declaración "Unámonos polo galego", a multitude reunida na compostelá praza da Quintana, aos pés da catedral, reclamou un cambio no "rumbo" do uso social da lingua propia de Galicia.

Ao acto asistiron, entre outras persoas, a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, e o secretario xeral do PSdeG, Xosé Ramón Gómez Besteiro. O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, lembrou o informe do Instituto Galego de Estatística que revela, entre outros datos, que a poboación que fala sempre en castelán xa supera á que o fai en galego, ou que un terzo dos mozos menores de quince anos non saben falar a lingua da súa terra.

Maceira chamou a atención, en declaracións aos xornalistas, sobre o feito de que cada vez que a sociedade galega se mobilizou para tratar de repoñer a situación da súa lingua freouse o descenso no número de persoas que deixan de falar galego.

Criticou tamén o anuncio do Goberno galego sobre un gran Pacto pola lingua e no que o presidente da Mesa dixo que "non podemos ter ningunha confianza".

"Levan quince anos actuando en contra dos acordos establecidos no Parlamento galego", afirmou. Para reverter a difícil situación da lingua galega na sociedade Maceira avanzou tres propostas: constituír plenarios de Queremos Galego en toda a xeografía galega, "reafirmarse no compromiso" da sociedade coa súa lingua, e convocar de novo a sociedade a un novo acto o 23 de febreiro, Día de Rosalía de Castro, na praza do Obradoiro de Santiago de Compostela.

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, dixo que "hoxe é un día para reivindicar o orgullo de ter lingua propia" pero tamén "para denunciar que a lingua galega está nunha situación crítica". "Os quince anos de políticas galegófobas, de políticas contra o galego, están a poñer contra as cordas o futuro do noso idioma", dixo Pontón, aínda que recalcou que "é posible cambiar o rumbo se cambia a política que está a facer a Xunta, empezando por ese decreto, de plurilingüismo da vergoña que converteu o galego nunha lingua de segunda".

A política nacionalista lembrou ao Goberno presidido por Alfonso Rueda que é máis necesario ca nunca "aplicar o grande acordo ao redor da lingua que xa temos neste país, que é o Plan Xeral de Normalización Lingüística".

O secretario xeral dos socialistas galegos, Xosé Ramón Gómez Besteiro, acusou o presidente nacional do PP e expresidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e ao seu sucesor á fronte do Executivo autonómico, Alfonso Rueda, de "levar ao galego á situación en que se atopa agora", de "lingua minoritaria".

"Temos que aliarnos todos para cambiar a situación de emerxencia lingüística e facer que o galego volva recobrar o impulso como unha lingua que nos una a todos os galegos e galegas", afirmou.

O acto celebrado este domingo na praza da Quintana estivo conducido polo músico e activista Xurxo Souto e finalizou coa actuación do grupo Tanxugueiras.

Concentración en defensa do galego na Praza da Quintana en Santiago este domingo Concentración en defensa do galego na Praza da Quintana en Santiago este domingo
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade