A Xunta defende o repartimento equitativo de linguas que establece o modelo plurilingüe nas aulas
A Xunta defende o repartimento equitativo de linguas que establece o modelo plurilingüe nas aulas
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa afirma que a competencia en galego no sistema educativo está garantida, e atribúe a falta de uso a outros ámbitos, entre eles o familiar
Galicia pasou de 58 centros plurilingües en 2009 a máis de 500 en 2024
Judith Fernández trasladou a súa satisfacción polos bos resultados no último informe mundial sobre competencias en lingua estranxeira, que sitúa a Galicia nos primeiros postos en inglés
A directora de Ordenación e Innovación educativa da Xunta de Galicia, Judith Fernández, valorou moi positivamente os resultados acadados no informe internacional sobre lingua estranxeira, que sitúan a Galicia nos primeiros postos en competencia en inglés a nivel mundial. Nunha entrevista na Radio Galega, suliñou que está 26 puntos por riba da media española.
A Xunta atribúe os bos resultados do informe á Estratexia galega de linguas estranxeiras, que xa conta co terceiro plan, vixente ata 2030. A directora de Ordenación e Innovación Educativa incidiu nos avances en relación á aprendizaxe do inglés nos tres últimos lustros, pasando de 58 centros plurilingües en 2009, a máis de 500 en 2024.
A este feito cómpre engadir a incorporación de auxiliares de conversa ás aulas, hoxe 665 en toda Galicia, así como a implantación progresiva de seccións bilingües en todas as etapas do ensino, desde infantil ata bacharelato e ciclos de FP.
O obxectivo do Goberno galego nesta materia de aquí a 2030, trasladou Judith Fernández, pasa por implantar o sistema plurilingüe na totalidade de centros escolares da comunidade.
A responsable de Educación defendeu o uso do galego no sistema educativo da comunidade e o decreto plurilingüe da Xunta, implantado desde o ano 2010, que establece un repartimento equitativo entre inglés, castelán e galego, nos centros de ensino. Por outra parte, Fernández achacou a falta de uso a outros ámbitos, máis alá das escolas, entre eles, as familias.