A Federación de Persoas Xordas de Galicia reclama a normalización do uso da lingua de signos na sanidade e a educación
A Federación de Persoas Xordas de Galicia reclama a normalización do uso da lingua de signos na sanidade e a educación
A Federación de Persoas Xordas de Galicia reclama a normalización do uso da lingua de signos na sanidade e a educación
En Galicia a comunidade de persoas con discapacidade auditiva está formada por unhas 30.000 persoas
A federación de asociacións de Galicia celebrará este sábado en Ourense o Día Internacional das Persoas Xordas
Desde 2010 máis de 12.000 persoas pasaron polas aulas de formación en lingua de signos afiliadas a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG). A lingua de signos é a lingua natural das persoas xordas, recoñecida como oficial en España por lei desde 2007. Con todo, en 2024 a comunidade xorda segue a reclamar a súa normalización en todos os ámbitos da vida.
"Aínda contamos con barreiras e a principal é o no eido sanitario. Tivemos un destacado logro que é a atención 24 horas nos PAC, pero o certo é que precisamos seguir avanzando porque precisamos intérpretes na atención primaria de luns a venres", asegura María Alonso, presidenta da FAXPG.
Solucións tecnolóxicas, como os servizos de videointerpretación, facilitan o acceso das persoas xordas ás administracións públicas. Mais non é suficiente. Por iso este ano a Semana Internacional das Persoas Xordas celébrase baixo o lema: "Lingua de signos por dereito, súmate!".
"Nós o que perseguimos é traballar sobre todo no eido sanitario como dicía e tamén no educativo para incluír novos profesionais como os mediadores educativos, fomentar a educación bilingüe, ter os recursos adaptados de linguas de signos nas residencias", engade a presidenta da FAXPG.
Este sábado a federación galega de asociacións celebrará en Ourense o Día Internacional das Persoas Xordas para dar visibilidade ás demandas.