Os mozos que estuden portugués en Galicia poderán acreditar o seu nivel grazas a un acordo co Instituto Camões
Os mozos que estuden portugués en Galicia poderán acreditar o seu nivel grazas a un acordo co Instituto Camões
Os mozos que estuden portugués en Galicia poderán acreditar o seu nivel grazas a un acordo co Instituto Camões
Os estudantes de portugués en Galicia multiplicáronse por catro nunha década e xa son 5.000
O presidente da Xunta de Galicia Alfonso Rueda participou este luns no acto conmemorativo do 70 aniversario da inauguración da estatua de Rosalía de Castro no Porto, onde reivindicou a obra dunha autora galega "que transcendeu fronteiras, sendo un exemplo de irmandade entre os pobos galego e portugués, unidos por unha historia, cultura e lingua compartidas".
Durante o seu discurso, Rueda remarcou a importancia de Rosalía como unha das figuras "máis destacadas da cultura e a lingua galegas", e lembrou ademais que a poeta foi "símbolo de resistencia, dignidade e defensa dos pobos e das súas identidades".
Así, eloxiou o seu papel como "embaixadora universal da cultura galega".
Tal e como sinalou o titular do Goberno galego, a estatua é unha "mostra do afecto e respecto mutuos", polo que agradeceu á cidade do Porto "manter vivos os vínculos entre territorios" e reafirmou a "importancia de seguir fortalecendo eses lazos de fraternidade que unen Galicia e Portugal".
Cinco mil estudantes de portugués en Galicia
Ademais, subliñou a consolidación do ensino en portugués en Galicia, cun alumnado que se multiplicou por catro na última década e superou os 5.000 estudantes, e incidiu en que o alumnado galego que curse portugués no seu centro educativo pode acreditar gratuitamente o seu nivel nesta lingua grazas a un acordo "pioneiro" entre Xunta e Instituto Camões.
A lingua como ferramenta de irmandade
O presidente do Parlamento de Galicia Miguel Ángel Santalices lembrou que a través da literatura galega, que utiliza unha lingua "intercomprensible" co portugués, "afianzouse a irmandade entre os dous pobos, unidos por vínculos desde hai séculos que nas últimas décadas se reforzan desde todos os ámbitos".
Neste sentido, citou a Lei Valentín Paz-Andrade para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía que aprobou o Parlamento de Galicia en 2014 "como exemplo da obrigación dos poderes públicos de promover o coñecemento do portugués e das culturas lusófonas para profundar nos vínculos históricos que unen os territorios".
Por último, o responsable do lexislativo autonómico citou a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal como "o froito das coetáneas transicións democráticas dos dous países e da emerxencia dos poderes rexionais que se viviu desde os anos 70 e facilitou o nacemento deste espazo común de colaboración por encima das fronteiras administrativas".
"O balance destas décadas de achegamento e de cooperación está á vista de todos e debe servir de aliciente para continuar avanzando", defendeu.