Publicador de contidos
Publicador de contidos

A compravenda de vivendas cae outro 6,4 % en maio e encadea catro meses de baixada

A compravenda de vivendas cae outro 6,4 % en maio e encadea catro meses de baixada

Encadean catro meses consecutivos en negativo nun contexto marcado pola subida das taxas de xuro para frear a inflación

Galicia, entre as comunidades autónomas que máis baixan

G24.gal 14/07/2023 09:29

A compravenda de vivendas volveu caer en maio un 6,4 % en taxa interanual, ata as 56.137 operacións, encadeando catro meses consecutivos en negativo nun contexto marcado pola subida das taxas de xuro para frear a inflación e o consecuente encarecemento do financiamento.

A pesar desta caída, con respecto ao mes anterior, cando se rexistrou o menor número de operacións dos últimos dous anos, a compravenda de vivendas disparouse un 29,6 %, segundo a estatística publicada polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Tras pechar decembro cunha baixada superior ao 10 %, as caídas das compravendas interrompéronse en xaneiro ao rexistrar unha subida do 6,6 %.

En febreiro volveron descender na mesma proporción, unha tendencia que seguiu en marzo cun axuste do 5,7 %, que se acentuou en abril cun recorte do 8,1 %, que marcou a súa cifra máis baixa en dous anos e seguiu en maio.

Sobe a compra de vivenda nova e cae a da usada

En maio as compravendas de segunda man, as máis numerosas ao representaren máis do 81 % do total, seguiron á baixa e rexistraron unha caída do 8,6 % con respecto ao mesmo mes de 2022 ata contabilizar 45.479 transaccións.

Con todo, as compravendas de vivenda nova incrementáronse un 4,1 % interanual ata as 10.658 operacións.

Así, mentres as transaccións de vivenda usada acumulan catro meses á baixa, as de vivenda nova anotan outra subida tras a rexistrada en xaneiro.

Medran respecto a abril

Con respecto a abril ambas experimentaron fortes crecementos, do 29,7 % no caso da vivenda de segunda man e do 29,1 % naquela nova.

No que vai de ano as compravendas de vivenda nova acumulan unha caída do 2,4 %, que se eleva ata o 4,5 % no caso da usada.

Máis do 92 % das compravendas rexistradas en maio foron de vivenda libre, 51.939 unidades, o 5,8 % menos que no mesmo mes do ano anterior. Pola súa banda, a vivenda protexida sumou 4.198 transaccións, o 13,4 % menos que en 2022.

Con respecto ao mes anterior, tanto a vivenda libre como a protexida experimentaron crecementos destacados, do 30,5 % e do 20 %, respectivamente.

O número de compravendas de vivendas realizadas entre persoas físicas en maio foi de 38.536, o cal supón un 7 % menos que no mesmo mes de 2022.

Baixa en doce comunidades autónomas; en Galicia, o 10,7 %

Por comunidades autónomas, en maio rexistráronse caídas interanuais en 12 delas. Foron os maiores descensos os da Rioxa (-37 %), Madrid (-20,5 %), Canarias (-19,2 %), Baleares (-17,1 %), País Vasco (-18,5 ) ou Galicia (-10,7 %).

Pola súa banda, as transaccións de vivenda creceron en cinco comunidades, con Cantabria (21,1%), Asturias (8,6 %) e Castela e León (7,9 %), á cabeza dos incrementos.

As leiras rexistradas baixan case un 5,4 %

En maio inscribíronse nos rexistros da propiedade 200.906 leiras, un 5,4 % menos que no mesmo mes do ano anterior, pero o 26,4 % máis que en abril.

Os maiores descensos corresponderon ás doazóns, que baixaron un 10,3 % ata as 4.596 operacións. A continuación situáronse as compravendas, que sumaron 109.714, o 7 % menos.

Outras operacións (concentracións parcelarias, divisións horizontais, dacións en pagamento, execucións hipotecarias ou adxudicacións xudiciais, entre outras) sumaron en maio 38.748, o 9,6 % menos.

Pola contra, as permutas aumentaron un 19 % ata as 677 e as herdanzas o 2,8 % ata as 47.171 operacións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade