Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Conferencia de París supera os 1.000 millóns de dólares de axuda ao Líbano

A Conferencia de París supera os 1.000 millóns de dólares de axuda ao Líbano

Uns 70 países reuníronse na capital francesa cun triplo obxectivo: reclamar un cesamento do fogo no Líbano, achegar axuda humanitaria e reforzar as institucións do país

G24.gal 24/10/2024 19:18

A conferencia de doantes reunida este xoves en París superou os 1.000 millóns de dólares de axuda urxente ao Líbano, o que excede amplamente as necesidades enumeradas pola ONU, anunciou o ministro francés de Exteriores, Jean-Noël Barrot.

Uns 70 países reuníronse na capital francesa cun triplo obxectivo: reclamar un cesamento do fogo no Líbano, achegar axuda humanitaria e reforzar as institucións do país, debilitadas polos bombardeos israelís contra o grupo terrorista Hezbollah.

O presidente francés, Emmanuel Macron, que abriu a conferencia, anunciou unha axuda de 100 millóns de euros esencialmente destinados ao sistema educativo libanés.

Barrot anunciou ao peche da reunión que os diferentes doantes comprometéronse a participar con máis de 800 millóns de dólares de axuda humanitaria de urxencia, o dobre dos 400 millóns que calculara a ONU como imprescindibles.

A eles sumáronse outros 200 millóns de dólares de apoio ás forzas de seguridade libanesas, esencialmente ás súas forzas armadas, cuxo despregamento no sur do país considérase esencial para garantir a paz unha vez que se produza o cesamento do fogo.

"É importante darlles os medios de preservar a paz civil e que poidan contribuír á construción da paz, en coordinación coa FINUL", a misión da ONU, indicou o xefe da diplomacia francesa na conferencia de prensa de peche da conferencia.

O ministro francés lembrou que máis dun millón de libaneses deberon abandonar os seus fogares e que medio millón de nenos non poden ir á escola no medio dun conflito que provocou 2.500 mortos.

Agregou que os bombardeos israelís sobre O Líbano das últimas semanas causaron xa "unha destrución que non ten comparación coa que se produciu en 2006".

A Conferencia de París, que se desenvolveu sen Israel e Irán, enviou tamén unha mensaxe política para esixir un cesamento do fogo inmediato e urxir a "un arranxo diplomático do conflito que garanta a seguridade da poboación de Israel e do Líbano".

O xefe da diplomacia francesa negou que existan discrepancias con Estados Unidos sobre este conflito e desvelou que a delegación estadounidense doou case 300 millóns de dólares.

Na apertura da conferencia, Macron subliñou a mensaxe política da cita, baseado en deter as hostilidades e permitir a reconstrución do país.

"A guerra ten que acabar de forma rápida. É necesario un cesamento do fogo. Más danos, máis vítimas, máis bombardeos non permitirán nin acabar co terrorismo nin garantir a seguridade de todos", asegurou,

Ademais acusou a Irán de "lanzar a Hezbollah contra Israel cando o interese do Líbano era que se mantivese á marxe".

O xefe do Goberno libanés, Najib Mikati, que si se desprazou a París, agradeceu a axuda comprometida e sinalou que se marcha da capital francesa coa sensación de que o seu país "non está só".

O secretario xeral da ONU, António Guterres, enviou unha mensaxe gravada no que situou a FINUL como pedra angular para lograr a pacificación do país e considerou que "os ataques contra os cascos azuis son totalmente inaceptables, contrarios ao dereito internacional e poden constituír un crime de guerra".

Guterres situou o conflito do Líbano no contexto da situación rexional e, tras condenar os "abominables atentados" do 7 de outubro de 2023 contra Israel, asegurou que a resposta dese país contra Gaza "provocou mortos a unha escala descoñecida" desde que el accedeu á secretaría xeral da ONU. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade