Publicador de contidos
Publicador de contidos

Medio Rural duplicará as compensacións para os animais mortos por EHE

Medio Rural duplicará as compensacións para os animais mortos por EHE

A conselleira María José Gómez Rodríguez estima que a incidencia da enfermidade hemorráxica epizoótica diminuirá a mediados de novembro

Avanza que, en canto baixen os contaxios, sacarán a orde de axudas directas para compensar os gandeiros afectados

G24.gal 28/09/2024 19:13 Última actualización 29/09/2024 09:36

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez Rodríguez, asegurou nunha entrevista na Radio Galega que a incidencia da enfermidade hemorráxica epizoótica comezará a minguar a mediados de novembro, coa baixada das temperaturas.

Ata o de agora, explicou, hai máis dun milleiro de explotacións afectadas e uns tres mil animais infectados por esta doenza, que transmite un mosquito.

Para paliar esas perdas, a titular de Medio Rural avanzou que publicarán unha nova liña de axudas directas -dotada con 5,4 millóns de euros- en canto baixe a incidencia.

"Pagaremos dende os 400 euros por animal de menos de catro meses ata os 1.600 polas vacas adultas mortas a causa da enfermidade. A maiores diso, 20 euros por animal censado na explotación afectada, dende un mínimo de 140 ata un máximo de 4.000 por explotación".

Estas cifras supoñen duplicar as contías que recibían os gandeiros ata o de agora. A conselleira comprometeuse, ademais, a reducir ao máximo a carga burocrática para os traballadores do agro.

Sector Lácteo e remuda xeracional

A titular de Medio Rural confirmou que Galicia está a piques de conseguir que o 75 % do leite que se produce se transforme tamén aquí, un dos obxectivos marcados no Plan estratéxico do sector lácteo.

"No Plan estratéxico do sector lácteo propoñiámonos chegar ao 75 % da transformación do leite producido en Galicia, aquí en Galicia; e creo que estamos aí á beiriña de conseguilo".

Outro dos retos do departamento que dirixe María José Gómez é conseguir que haxa remuda xeracional á fronte das explotacións. Por iso, explicou na Radio Galega, teñen en marcha varias liñas de axudas. Unhas, para facilitar a incorporación de gandeiros novos; outras, para maiores de 41 anos que decidan crear unha explotación nova (con máis de 140 solicitudes este ano); e finalmente, achegas para os que se xubilen e lle cedan a granxa a un terceiro a través do banco de explotacións.

"Á xente que se xubila váiselle dar unha axuda para complementar esas pensións agrarias que, como é ben sabido, non son moi cuantiosas. Entón, durante cinco anos, van ter unha axuda, ademais da renda que poidan percibir por esa explotación e eses terreos, que lles axude na súa economía".

Sector forestal e novos cultivos

A conselleira do Medio Rural puxo en valor a importancia do sector forestal en Galicia subliñando que o 50 % da madeira que se produce en España sae da nosa comunidade. Por iso, insistiu na importancia de aproveitar esa potencialidade transformando o produto para obter maior valor engadido.

"Temos recursos madeireiros, temos empresas moi potentes, pero tamén é importante transformar ese produto en Galicia para que quede aquí ese valor engadido que teñen os produtos elaborados con madeira".

Para favorecer a produción de madeira de calidade, o departamento que dirixe María José Gómez vén de pór en marcha un plan de achegas, dotado con 5 millóns de euros, para plantar coníferas e frondosas; e outra liña, con 10 millóns de euros, destinada aos labores de silvicultura.

A conselleira de Medio Rural fixo fincapé na importancia de apostar pola innovación e a tecnificación do sector primario. Nese senso, saudou o cultivo do arando na Terra Chá ou as plantacións de oliveiras, especialmente na provincia de Ourense.

En todo caso, está pendente, dixo María José Gómez, conseguir o selo de calidade Indicación Xeográfica Protexida para o aceite que se produce en Galicia, un recoñecemento que concede a Unión Europea.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade