Publicador de contidos
Publicador de contidos

Medio Ambiente leva en decembro ao Consello a lei de ordenación do litoral

Medio Ambiente leva en decembro ao Consello a lei de ordenación do litoral

Ángeles Vázquez asegura que a asesoría xurídica da Xunta ultima o recurso contra a reforma do regulamento de costas do Ministerio

A conselleira cualifica de "sen sentido" a actuación do Goberno en materia de costas e na xestión do lobo

G24.gal 29/10/2022 10:01 Última actualización 29/10/2022 13:03

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, prevé levar en decembro ao Consello da Xunta a futura lei galega de ordenación do litoral co obxectivo de que o Parlamento a aprobe no primeiro trimestre do ano que vén.

Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana da Radio Galega, avaliou positivamente o período de consultas que se abriu arredor deste futuro texto normativo e que acaba de pecharse. Segundo dixo, presentáronse 81 achegas por parte de concellos e asociacións

"Recibimos un total de 81 achegas por parte dos concellos, asociacións e entidades así como de particulares. Todos coinciden en que Galicia debe regular a súa costa. A partir de aquí estamos co texto articulado. Un texto que agardamos telo listo no mes de decembro para levar ao Consello da Xunta".  

En paralelo, a conselleira de Medio Ambiente asegurou que a asesoría xurídica da Xunta ultima o recurso contra a reforma do regulamento de costas feita polo Ministerio ao entender que limita dereitos e reduce as competencias autonómicas no litoral.

Esta reforma, segundo a Xunta, afecta sobre todo a concesións de vivendas e empresas en dominio público anteriores a 1988, ás que se lles nega na práctica a prórroga extraordinaria da concesión. 

"Está a asesoría xurídica ultimando o recurso para xa trasladalo e nós o que agardamos é unha pronta resposta. Temos 19 empresas que están pedindo a súa prórroga e levan tres anos sen que se lles conteste". 

Para Ángeles Vázquez, empresas e mesmo veciños de concellos costeiros están desacougados. A conselleira de Medio Ambiente asegura que hai "sensentidos" neste regulamento. Pon como exemplo a negativa dada polo Ministerio á propia Xunta para instalar unha estación meteorolóxica en dominio marítimo público-terrestre.

"Por ter que poñer un aparello para medir a chuvia e o vento en dominio público marítimo-terrestre e un cambio en relación do que tiñamos anteriormente para facer estudos, dísenos que non", exemplificaba. 

Xestión do lobo

A Conselleira de Medio Ambiente acusa o Goberno de negarlle a Galicia a transferencia de 4 millóns de euros para a xestión do lobo como represalia por votar contra a estratexia nacional no seo da conferencia sectorial.

Ángeles Vázquez, que lembrou que van recorrer contra esta decisión, insiste en que a comunidade galega non podía apoiar unha planificación que non atende ás súas singularidades. 

"Isto é un sensentido, porque unha comunidade autónoma é libre para votar ou non en contra de algo. Neste caso é unha estratexia nacional na que levabamos moito tempo alertando de que isto ía ser así. Mesmo recibimos ameazas e a última ameaza é esta, non recibir os fondos". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade