A construción de vivenda protexida impulsada pola Xunta chegará ás sete cidades
A construción de vivenda protexida impulsada pola Xunta chegará ás sete cidades
Terán o prezo limitado, tanto para o alugueiro como para a compra, e poderían saír ao mercado en catro anos
A construción de vivenda protexida impulsada pola Xunta chegará ás sete grandes cidades galegas e ás súas áreas metropolitanas. Terán o prezo topado, tanto para o alugueiro como para a compra, e poderían saír ao mercado en catro anos, no 2028.
O plan da consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas contempla 43,2 millóns de euros para adquirir uns tres millóns de metros cadrados de solo urbanizable. O contacto cos concellos das sete cidades para acceder a ese chan, segundo a Xunta, está en marcha.
"Fixemos os primeiros contactos coas grandes áreas metropolitanas que entrarían dentro desta estratexia. Onte estivemos no Concello de Vigo dando a coñecer a urbanización que se está efectuando no polígono 1 de Navia para cumprir o primeiro obxectivo que é duplicar o parque público de vivenda e temos efectuada a mesa de traballo co Concello para materializar ese desenvolvemento de vivenda accesible", conta á TVG María Martínez Allegue, conselleira de Vivenda.
Das máis de 20.000 vivendas protexidas previstas, 7.360 estarán en Vigo, 4.320 na Coruña, 2.000 en Santiago, 1.760 en Pontevedra, 1.600 en Lugo e Ourense, 960 en Ferrol e 400 en Vilagarcía.
"Partimos da demanda existente da vivenda protexida e para iso partimos dos datos que nos reflicte o noso rexistro único de demandantes de vivenda e efectivamente eses datos coinciden coas sete grandes cidades galegas e co Concello de Vilagarcía e por tanto tamén o aplicamos na comarca do Salnés", explica.
Segundo a consellería de Vivenda, a construción destes inmóbeis protexidos será tramitada como proxectos de interese autonómico para axilizar, sobre todo, a xestión da adquisición dos terreos.