Publicador de contidos
Publicador de contidos

Activado o aviso laranxa na Costa da Morte por temporal no mar

Activado o aviso laranxa na Costa da Morte por temporal no mar

O resto de litoral coruñés e o de Pontevedra tivo aviso amarelo por ondas de 4 a 5 metros

G24.gal 06/04/2024 14:06 Última actualización 06/04/2024 16:58

Galicia continuou a primeira hora baixo os efectos da profunda borrasca que circula polo Atlántico. Pola tarde mellora a situación e a partir das seis xa non hai avisos activos.

Despois do paso de Olivia que trouxo un vendaval quente a Galicia, a borrasca Kathleen está a deixar unha nova situación inestable no mar. A ondada combinada de mar de fondo e ventos de suroeste de forza 7 na Costa da Morte activou o aviso laranxa ata primeira hora desta tarde desde Camariñas ata Carnota.

O resto da costa, agás a Mariña, estivo en aviso amarelo que se manterá ata media tarde. A xente que anda ao mar é quen realmente sofre esta restra de temporais. 

"Levamos sen ir ao mar case dous ou tres meses. Se vas unha semana, do que vas xa temos que sacar de aí para pagar a Seguridade Social, comer, temos fillos... Está bastante fastidiado o tempo por aquí", di un mariñeiro en Muxía.

Para quen non vive del, esta estampa é parte do atractivo dun litoral que xa non se agarda calmo.

"É un temo 'made in Muxía'. Hai un mesiño xa tivemos unha medio primavera e a pena é que Semana Santa estivo un pouco mal, con ventos fortes e chuvia. Pero hai moita xente que goza na punta da Virxe da Barca, que é o bonito de Muxía, ver esas ondas rompendo forte nas pedras. Hai que saber gozar de todo", aseguran os hostaleiros.

Desde as nove desta noite xa non haberá ningún aviso activo. Volverán na madrugada do luns de novo a todo o litoral.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade