A CRTVG estrea tres novas canles infantís dixitais
A CRTVG estrea tres novas canles infantís dixitais
‘Pequerrech@s’, ‘Cativo@s’ e ‘Mociñ@s’ están xa dispoñibles na App e na web da CRTVG
A CRTVG potencia desde este mércores a súa oferta infantil coa estrea de tres novas canles dixitais dirixidas aos máis cativos. Son ‘Pequerrech@s’, destinada ao público ata 6 anos, ‘Cativ@s’, para nenos e nenas de 6 a 9 anos, e ‘Mociñ@s’, dirixido aos maiores de 9 anos.
As tres canles, que acumulan 46 títulos e máis de 2.600 episodios, son xa accesibles a través da portada e na sección de directos da crtvg.es/en-directo e tamén na App da CRTVG.
O director de Contidos da Corporación, Fernando R. Ojea, sinala que “esta oferta facilita o acceso dos máis cativos aos seus contidos favoritos en galego no portal da CRTVG, en tres canles adaptadas a distintos tramos de idade.
A web dos medios públicos galegos é o gran contedor de produtos audiovisuais para o público infantil e achega contidos feitos en Galicia e tamén outros grandes éxitos internacionais actuais e de sempre”.
A canle para os máis pequenos, ‘Pequerrech@s’, vai reunir 16 títulos de animación, cun total de 902 episodios das series ‘Os Axóuxeres’, ‘A tropa de trapo’, ‘Caracois’, ‘Cocorico’, ‘A nosa casa’, ‘As aventuras de Tip e Oh’, ‘Os Bolechas’, ‘Os Bolechas no cole’, ‘Os Bolechas One2Three’, ‘As Aventuras de Minchi’, ‘ Noddy Detective’, ‘O carteiro Pat’, ‘O teacher e os Bolechas’, ‘Planeta Fantasía’, ‘Telmo e Tula’, ‘Tutú’ e ‘A Pita Cega’. En total, 16 títulos e máis de 900 episodios.
A cativada de 6 a 9 anos terá os seus contidos favoritos na canle ‘Cativ@s’ con preto de 1.000 episodios de 17 series: ‘A Pita Cega’, ‘Braulio Tuber’, ‘Era unha vez a vida’, ‘Era unha vez os inventores’, ‘Era unha vez o home’, ‘Era unha vez os exploradores’, ‘Garfield e mais os seus amigos’, ‘Kiteretsu, o primo máis listo de Nobita’, ‘Merenda cos Bolechas’, ‘Monster Allergy’, ‘Narigolas, a aventura da auga’, ‘Nós tamén creamos’, ‘O amigo Ed’, ‘Os contos do Camiño’, ‘Miracle Tunes’, ‘Pippi Mediaslongas’ e ‘Yakari’. En total, 17 títulos e preto de 1.000 episodios.
E os máis ‘Mociñ@s’, a partir de 9 anos poderán gozar de ‘Miracle Tunes’, ‘ Pippi Mediaslongas’, ‘Garfield e mais os seus amigos’, ‘Kiteretsu, o primo máis listo de Nobita’, ‘Yakari’, ‘As andanzas do Gato con Botas’, ‘As aventuras de Rocky e Bullwinkle’, ‘Banana Cabana’, ‘Betty Atómica’, ‘Moby Dick e o segredo de Mu’, ‘Mysticons’, ‘Os misterios de Alfred’, ‘Princesa Sheherezade’, ‘Rantaro, o ninja pequeno’, ‘Sarxento Keroro’, ‘Sherlock Holmes’, ‘Spirit, galopando ceibe’, ‘Voltron, o defenser do universo’ e da serie emitida por TVG ‘Verán M’. En total, 19 títulos e máis de 1.200 episodios.
“Os Bolechas”, en directo cada tarde en YouTube
Esta nova oferta de canles dixitais complementa a proposta para o público infantil con outras novidades anunciadas estes días. Así este Nadal, en streaming na canle de YouTube, iremos de ‘Merenda cos Bolechas’ ata o 6 de xaneiro. Cada tarde ás 17:00 horas, de luns a venres emítese un directo de 20 minutos cargado de música, xogos e divertidas sorpresas no que os rapaces poden charlar a través dun chat en aberto con estes entrañables personaxes de animación. O programa pode verse tamén posteriormente en crtvg.gal.
Programación especial de Nadal e estrea de 'A galiña Turuleca'
A G2, pola súa parte, modifica a súa grella desde este venres con debuxos animados e outros contidos infantís os sete días da semana. Desta maneira, as mañás ata o 6 de xaneiro están dedicadas ás series de animación do ‘Xabarín Club’ preferidas da cativada. Cada día está dedicado a unha serie de sona como, por exemplo, ‘King Julien’, ‘Sherlock’, ‘O gato con botas’, ‘Monster Allergy’ e ‘Spirit’, entre outras.
Nas fins de semana, a protagonista será ‘Pipi’ e, na tarde do 25 de decembro, estrearase a película ‘A galiña Turuleca’, gañadora dun premio Goya.